Enténdese por violencia de xénero calquera acto violento ou agresión, baseados nunha situación de desigualdade no marco dun sistema de relacións de dominación dos homes sobre as mulleres que teña ou poida ter como consecuencia un dano físico, sexual ou psicolóxico, incluídas as ameazas de tales actos e a coacción ou privación arbitraria da liberdade, tanto se ocorren no ámbito público coma na vida familiar ou privada. (Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero).
“A violencia de xénero non é un problema que afecte ao ámbito privado. Pola contra, maniféstase como o símbolo máis brutal da desigualdade existente na nosa sociedade. Trátase dunha violencia que se dirixe ás mulleres polo feito mesmo de selo, por ser consideradas, polos seus agresores, carentes dos dereitos mínimos de liberdade, respecto e capacidade de decisión...” (Exposición de Motivos da LO 1/2004, de 28 de decembro de Medidas de Protección Integral contra a violencia de xénero)
Estas leis conviven cun sistema de violencia simbólica que se atopa naturalizado e normalizado. Esta violencia é o conxunto de expresións, imaxes e comportamentos que infravaloran ou atentan contra os dereitos e a dignidade das mulleres en calquera ámbito da súa vida. Todas as violencias oprimen e limitan a liberdade e a vida das mulleres. As máis visibles son todas aquelas violencias físicas, psicolóxicas, sexuais, económicas, que teñen o seu nivel máis alto de expresión nos asasinatos continuados de mulleres.
Desde o Concello de Cangas queremos reforzar o noso compromiso na loita pola erradicación das violencias contra as mulleres e combatelas con todos os recursos ao noso alcance, e incluír a todas e a todos nesta loita, axentes sociais, institucións, cidadanía, medios de comunicación… recoñecendo a importancia do papel das entidades locais en tanto poderes públicos próximos ás realidades que viven as mulleres e as crianzas.
Xuntas, en rede, será máis doado seguir!