Ir o contido principal

Observatorio de publicidade non sexista

Publicidade non sexista

Que é o Observatorio da Publicidade?

O instrumento posto á disposición da cidadanía a través do que a Comisión Asesora de Publicidade Non Sexista dependente do Servizo Galego de Igualdade recibe as denuncias en relación con anuncios ou campañas publicitarias realizadas en Galicia e consideradas sexistas; analiza e estuda os contidos denunciados en relación coa imaxe das mulleres e o seu tratamento e constitúe un foro de comunicación entre a administración e a sociedade.

O labor da Comisión Asesora de Publicidade Non Sexista céntrase exclusivamente na publicidade que se difunda a través de soportes publicitarios e os medios de comunicación que teñan a súa sede principal na Comunidade Autónoma de Galicia.

Que podemos considerar publicidade sexista? 

A publicidade que atente contra a dignidade da persoa ou vulnere os valores e dereitos recoñecidos na Constitución, especialmente aqueles aos que se refiren os seus artigos 18 e 20, número 4.

Entenderanse incluídos na previsión anterior os anuncios que presenten ás mulleres de forma vexatoria, ben utilizando particular e directamente o seu corpo ou partes do mesmo como simple obxecto desvinculado do produto que se pretende promover, ben a súa imaxe asociada a comportamentos estereotipados que vulneren os fundamentos do noso ordenamento, promovendo a xeración da violencia á que se refire a Lei orgánica de medidas de protección integral contra a violencia de xénero.

 

Que se fai cando se presenta unha denuncia?

Analizarase o contido do obxecto da denuncia en relación coa normativa vixente de aplicación e se este presenta as mulleres de forma vexatoria, deseguido:

  • No caso de que a publicidade sexa de ámbito non autonómico, remítese a denuncia ao órgano estatal competente do Ministerio de Igualdade.
  • De tratarse de publicidade de ámbito autonómico, a través da Comisión Asesora de Publicidade Non Sexista realízanse os contactos necesarios para a súa retirada con anunciantes e medios nos que se publica, ofrecendo criterios alternativos para eliminar o sexismo das mensaxes.

 

Como se pode facer a denuncia ?

Cubrindo o formulario de denuncia de publicidade sexista e enviándoo por correo electrónico ao enderezo igualdade@xunta.es ou por fax ao 981 957 690.

Tamén existe a posibilidade de facela a través do Teléfono da Muller 900 400 273, un servizo totalmente gratuíto e anónimo que funciona durante as 24 horas do día e con cobertura para toda a comunidade autónoma.