Ir o contido principal

Costa da Vela

Costa da Vela

O Espazo Natural da Costa da Vela, declarado Lugar de Interese Comunitario (LIC), é o punto máis occidental da península do Morrazo. Este é un mundo virxe no que o mar e os piñeiros son os donos da paisaxe. Comprende a franxa de litoral que se estende desde a Punta de Couso ata preto da poboación de Nerga, no concello de Cangas entre as rías de Vigo e Pontevedra.

Aquí as vistas son dunha beleza espectacular, como a posta do sol desde o Faro de Cabo Home, un dos máis altos de Galicia. Ou os acantilados de Donón, de máis de 150 m de altura e contra os que o mar bate furioso. Ou a praia de Melide, coas illas Cíes en fronte, case ao alcance da man, e desde a que non é raro ver a golfiños xogando na auga. Ou xa na ría de Vigo, as paradisíacas praias de Nerga e Barra, esta última nudista, de augas transparentes e rodeada de piñeiros que chegan case ata a area. E dominando o ceo e a terra, o mítico Monte do Facho, antigo castro e santuario celta.