
O Servizo de Atención Temperá leva dende o ano 1999 dando apoio as familias con nenos/as con dificultades no desenvolvemento e/ou en situación de risco. Actualmente está integrado na Rede Galega de Centros de Atención Temperá o que garante que se desenvolva unha atención especializada, interdisciplinar, con actuacións que seguen un modelo metodolóxico común, e que pretenden a coordinación e corresponsabilidade entre os sistemas de saúde, educación e servizos sociais.
Está formado por un equipo multidisciplinar con formación en desenvolvemento infantil e apoio familiar, que realiza intervencións preventivas e asistenciais. Cobre as áreas de pedagoxía, fisioterapia pediátrica e logopedia.
Destinatarias/os
Serán, polo tanto, destinatarias/os deste servizo nenas e nenos de 0 a 6 anos con trastornos no desenvolvemento e/ou en situación de risco, residentes no Concello de Cangas, así como as súas familias e a súa contorna.
Que son os trastornos no desenvolvemento
Son aquelas situacións en que, como consecuencia dunha alteración das estruturas ou funcións corporais, restricións na participación social ou calquera outro factor contextual, se produce un atraso ou desviación significativos no desenvolvemento das capacidades, adquisicións e recursos persoais típicos para a idade de referencia.
Que se entende por situación de risco
Son aquelas circunstancias de vulnerabilidade evolutiva que requiren intervención pola descompensación negativa entre factores de risco e protección.
Solicitude de información e acceso ao servizo
Ante a sospeita dun trastorno no desenvolvemento dentro do entorno familiar e/ou escolar, incluso cando dita alerta se evidencia noutro entorno, as persoas responsables da/o menor deberán acudir ao servizo de pediatría. Os servizos de pediatría de atención primaria ou especializada desenvolverán os procesos diagnósticos que lles corresponden e no caso de confirmar a sospeita de trastorno no desenvolvemento ou de vulnerabilidade evolutiva, que cumpran cos criterios de entrada á Rede Galega de Atención Temperá, derivarán a/ao menor e a súa familia ao Servizo de Atención Temperá. Mediante impreso de solicitude, que se presentará xunto coa derivación pediátrica, as persoas interesadas poderán solicitar o acceso a dito servizo. Teñen a súa disposición os impresos necesarios nesta web ou ben poderán recoller a solicitude no Centro Municipal de Benestar Social, en Rúa Andalucía nº3, Baixo, Cangas.