Ir o contido principal

BALEAVAI!, UNHA REDE DE FAMILIAS PARA COMPARTIR O GALEGO

FacebookTwitterShare
BALEAVAI!

O Servizo de Normalización Lingüística impulsa BaleaVai!, unha rede de familias que comparten o galego como lingua de relación e que queren crear espazos de encontro, amizade e lecer para as súas crianzas.

A iniciativa nace co obxectivo de facilitar que a rapazada poida medrar rodeada de máis galego, creando vínculos naturais con outras crianzas e familias que tamén empregan a lingua no seu día a día.

As familias interesadas poden inscribirse a través do formulario habilitado ou mediante o código QR da imaxe. A inscrición permitirá acceder de forma anticipada ás actividades familiares organizadas polo Servizo de Normalización Lingüística.

Con BaleaVai! quérese favorecer o uso do galego nos espazos de socialización infantil e familiar, crear unha rede de apoio entre familias que queren educar e criar en galego, ofrecer actividades atractivas nas que a lingua sexa o punto de encontro e compartir recursos e información de interese para a crianza en galego.

Ademais, existen recursos gratuítos para acompañar este proceso. Un dos máis completos é o proxecto Apego, onde se poden atopar contos, cancións, xogos, recomendacións e materiais para diferentes idades.

Recursos Apego: http://apego.gal/recursos/

BaleaVai! quere converterse nun espazo de encontro para familias, crianzas e lingua, creando novas oportunidades para vivir o galego tamén no lecer e nas relacións cotiás.