Aberto o prazo de inscrición para participar en ‘Cangas crea o Nadal’
O Concello de Cangas convida as asociacións e entidades sen ánimo de lucro a elaborar adornos con materiais reutilizados para decorar os espazos públicos durante o Nadal. O prazo de inscrición remata o 2 de decembro.
O Concello de Cangas pon en marcha Cangas crea o Nadal, unha iniciativa que busca implicar o tecido asociativo na decoración do municipio durante as festas, fomentando a creatividade, a participación veciñal e a reutilización de materiais.
As asociacións poderán elaborar un ou varios elementos decorativos colectivos empregando materiais como botellas, tapóns, latas, madeira recuperada, restos de teas, cortiza ou CD en desuso. A temática será libre, aínda que se anima a buscar inspiración nas tradicións galegas, no mar, na natureza, nas parroquias ou na identidade de Cangas.
A proposta non ten carácter competitivo, senón que pretende favorecer a colaboración entre as entidades e a veciñanza, dando unha segunda vida a materiais que doutro xeito se converterían en residuos.
Inscricións ata o 2 de decembro.
As asociacións interesadas deberán presentar a folla de inscrición cuberta e asinada a través do rexistro do Concello de Cangas.
Os adornos deberán ter un tamaño mínimo aproximado dun metro e reunir as condicións de estabilidade e seguridade necesarias para a súa exposición ao aire libre.
O Concello comunicará as localizacións asignadas o 10 de decembro e a instalación realizarase entre o 12 e o 18 de decembro. As creacións permanecerán expostas ata o 7 de xaneiro de 2027 e estarán identificadas co nome da asociación participante.
Para máis información, as entidades poden contactar a través do correo ensino@cangas.gal.
- Log in to post comments



