Ir o contido principal

O CONCELLO DE CANGAS IMPULSA A TRANSFORMACIÓN DA MOBILIDADE EN MONTE CARRASCO CUNHA SUBVENCIÓN DA DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA

FacebookTwitterShare
Liña 4 Deputación

O Concello de Cangas conta cunha subvención de 21.767,90 euros da Deputación de Pontevedra, concedida ao abeiro do Plan + Provincia 2025, para financiar a redacción do proxecto de transformación da mobilidade en Monte Carrasco. A axuda permite sufragar tanto o levantamento topográfico como a elaboración do proxecto técnico.


A actuación ten como obxectivo mellorar a accesibilidade peonil, a seguridade viaria e a ordenación do espazo público nas contornas dos institutos IES María Soliño e IES Monte Carrasco, así como na zona do Balcón do Rei.


O proxecto inclúe a creación e ampliación de beirarrúas e sendas peonís, a instalación de pasos elevados e o reforzo da sinalización para reducir a velocidade do tráfico e facilitar os desprazamentos a pé.


Nos dous centros educativos habilitaranse zonas específicas para o embarque e desembarque do alumnado nos autobuses escolares, con marquesiñas e espazos de circulación reservados para mellorar a seguridade nas entradas e saídas e evitar a coincidencia entre o tráfico escolar e os vehículos particulares.


No entorno do Balcón do Rei ordenarase o estacionamento de vehículos e bicicletas, mellorarase a iluminación e acondicionaranse sendas peonís, dando prioridade aos desprazamentos a pé. Tamén se instalará mobiliario urbano e un banco-aparcabicis.


A intervención contempla, ademais, a mellora dos pavimentos en diferentes camiños e vías, a ampliación dos espazos peonís, a creación de novas prazas de estacionamento e a adecuación das cunetas para facilitar a evacuación das augas pluviais.
Con este proxecto, o Concello de Cangas avanza na mellora da mobilidade e na recuperación do espazo público, apostando por un ámbito máis accesible, seguro e ordenado, especialmente para o alumnado dos centros educativos e para as persoas usuarias destas vías.


Financiamento: subvención de 21.767,90 euros da Deputación de Pontevedra, a través do Plan + Provincia 2025 (liña 4), destinada á redacción do proxecto técnico e ao levantamento topográfico.

Liña 4 Depu