O CONCELLO DE CANGAS PRESENTA ‘SOMOS UNHA REDE’, UNHA CAMPAÑA DE SENSIBILIZACIÓN FRONTE Á VIOLENCIA MACHISTA
A iniciativa, impulsada pola Subdelegación do Goberno en Pontevedra en colaboración coa Universidade de Vigo e o Concello de Cangas, destaca a importancia das redes de apoio ás mulleres e forma parte das accións de sensibilización arredor do 25N.
O Concello de Cangas acolleu no salón de plenos a presentación de Somos unha rede, unha campaña de sensibilización fronte á violencia machista que toma como punto de partida a vinculación do municipio co mar para destacar a importancia do apoio colectivo na prevención, detección e atención ás mulleres que sofren violencia.
A iniciativa está impulsada pola Subdelegación do Goberno en Pontevedra en colaboración coa Universidade de Vigo e o Concello de Cangas, municipio escollido este ano para desenvolver esta proposta, que presta tamén atención á realidade da violencia de xénero no ámbito rural.
A campaña utiliza as redes mariñeiras como símbolo da rede de apoio formada pola veciñanza, as institucións e os servizos de atención. A través deste elemento vinculado á identidade local, a proposta busca sensibilizar sobre a necesidade de actuar de maneira coordinada fronte á violencia machista e dar visibilidade aos recursos de apoio dispoñibles.
O deseño da campaña foi desenvolvido polo alumnado do Máster Universitario en Dirección de Arte en Publicidade da Universidade de Vigo e intégrase nas accións de sensibilización previstas arredor do 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres.
Na presentación participaron a alcaldesa de Cangas, Araceli Gestido Rodríguez; o subdelegado do Goberno en Pontevedra, Alfonso Lago Ferreiro; a xefa da Unidade de Violencia sobre a Muller da Subdelegación, María José Rodríguez Pérez; e a profesora do Departamento de Comunicación Audiovisual e Publicidade da Universidade de Vigo, Beatriz Legerén Lago.
- Log in to post comments



