Ir o contido principal

CANGAS CONMEMORA O 25N CUN PROGRAMA CONTRA AS VIOLENCIAS MACHISTAS

FacebookTwitterShare
25N_Web

O Concello de Cangas, a través do Consello Municipal de Igualdade, desenvolverá nas próximas semanas un programa de actividades arredor do 25 de novembro, Día Internacional contra as Violencias Machistas, con propostas de sensibilización, cultura, educación e memoria.

A programación comezará o domingo 22 de novembro, ás 10.30 horas, coa Ruta Historia das Mulleres de Cangas, organizada pola Asociación A Illa dos Ratos. Para participar será necesaria inscrición previa a través do WhatsApp 611 080 853.

O mércores 25 de novembro concentrará boa parte das actividades. Ás 11.00 horas terá lugar no Auditorio Municipal Xosé Manuel Pazos Varela a campaña “Contra as Violencias Machistas. Apúntate ao bo trato”, coa participación de centros educativos de Cangas e propostas elaboradas polo alumnado arredor da igualdade, o respecto e a prevención das violencias machistas.

Ás 11.30 horas representarase na Sala de Exposicións do Auditorio “O regreso de Lúa”, de A Xanela do Maxín, unha proposta dirixida a alumnado de infantil e primeiro ciclo de primaria que aborda valores como a igualdade, a superación, a amizade e o respecto.

Xa pola tarde, ás 19.30 horas, a Praza do Concello acollerá “Subterránea”, unha peza escénica de Mónica Sueiro que recupera e reivindica a memoria de artistas silenciadas e reflexiona sobre a súa invisibilidade histórica. Ás 20.00 horas celebrarase a manifestación e lectura do manifesto do Consello Municipal de Igualdade, que correrá a cargo da xornalista Lara Graña Prieto.

A programación continuará o xoves 26 de novembro, ás 19.30 horas, co Acto Institucional de Recoñecemento ás Mulleres Represaliadas de Cangas, organizado pola Asociación de Memoria Histórica 28 de Agosto en colaboración co Concello de Cangas, no Auditorio Municipal Xosé Manuel Pazos Varela.

Finalmente, o mércores 2 de decembro, ás 8.30 horas, desenvolverase no IES María Soliño o obradoiro “Conectad@s, Relacionándonos na contorna virtual”, impartido por Aliad Ultreia e dirixido á mocidade, cun enfoque centrado nos coidados, o bo trato e a prevención das violencias no ámbito das novas formas de relación e das tecnoloxías.

O programa complétase cunha intervención nun xardín vertical en conmemoración do 25N, elaborada nos talleres da Asociación Juan XXIII, que se instalará nos Xardíns do Sinal nunha data aínda por concretar.

Descargas