Ir o contido principal
Colaboración entre a Comunidade de Montes de Coiro e a Oficina Municipal de Voluntariado de Cangas

VOLUNTARIADO AMBIENTAL: “Patrullas veciñais de Prevención de Incendios"

FacebookTwitterShare
Voluntariado contra incendios

Hoxe tivo lugar na Casa da Xuventude de Cangas unha reunión entre o Concelleiro de Voluntariado, Noel Malvido e representantes da Comunidade de Montes de Coiro, para tratar o programa organizado por esta entidade e na que colabora o Concello de Cangas a través da Oficina Municipal de Voluntariado dende o ano 2017.

Os antecedentes deste  proxecto xorden no ano 2016, ante intensa subida da temperatura do solo, sufrido a causa das continuadas olas de calor que azoutaron o sur de Pontevedra.

Os incendios asolaron a provincia e fixeron perigar moitas masas arbóreas, e nos vimos inmersos nun grave problema ambiental e social.

Feitas as pertinentes investigacións sobre os inicios dos incendios, descubriuse que tralos elementos ambientais que propiciaban a propagación do lume, en moitas ocasións estaba unha mal intencionada man que os iniciaba.

Entendendo, que en moitos casos non era accidental o comezo dos incendios, tomouse a iniciativa de crear unha serie de grupos ou patrullas veciñais que pasearan polos montes controlando os diferentes cuadrantes.

A súa función é disuasoria e de vixilancia. Varios grupos independentes saen a recorrer os roteiros e camiños en diferentes horarios e sen rutas preestablecidas. Sendo estes grupos moi activos e cubrindo tódalas franxas horarias e todas as zonas comunais.

Como obxectivo secundario, tamén controlan o estado do monte e avisan as autoridades pertinentes ante vertidos ilegais, situacións sospeitosas ou outras irregularidades.

Importante destacar que é un proxecto interxeracional, onde persoas séniors, as mellores coñecedoras dos montes de Coiro, son acompañadas por xoves veciños/as que queren coidar os montes para as xeracións vindeiras.

Actualmente arredor de 25 son as persoas que conformarán os grupos de vixianza e que se repartirán en quendas durante os meses de xuño, xullo e agosto, previsiblemente,  ata finais de setembro.

A Comunidade de Montes fai un chamamento a aquelas persoas que teñan inquedanzas ambientais, preocupación pola entorna e ganas de aprender a unirse a este programa, ou se ven algunha irregularidade que queiran comunicar, poden facelo a través da Oficina Municipal d eVoluntariado: 986392171- voluntariado@cangas.gal.