Ir o contido principal

Nova campaña de doazón de sangue na Alameda de Cangas

FacebookTwitterShare
Nova campaña de doazón de sangue na Alameda de Cangas

O Concello de Cangas únese, de novo, a unha campaña de doazón de sangue. Por iso, unha unidade móbil da Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos (ADOS) desprazarase ata a Alameda durante os días 1 e 2 de agosto en horario de 10:00 a 14:30 horas e de 16:00 a 21:00 horas. Desde o Concello prégase a máxima colaboración cidadá.  

Un dos obxectivos principais é facilitar a doazón de sangue á veciñanza e garantir deste xeito as necesidades de compoñentes sanguíneos por parte dos centros sanitarios galegos. Desde ADOS lembran que centos de enfermos precisan desta colaboración, xa sexa para recuperar a súa saúde ou salvar a vida. De feito, recalcan que “doar sangue é vital para todos aqueles doentes que se teñen que operar, que padecen cancro ou leucemia, que sufriron accidentes de tráfico ou para os transplantes de órganos”.

Uns dos requisitos mínimos para que se poida levar a cabo a doazón son que a persoa sexa maior de idade, que pese máis de 50 quilos, e que non teña padecido ou padeza enfermidades transmisibles polo sangue (Hepatite B ou C, SIDA, etc.) ou enfermidades graves ou crónicas (de corazón, ril, cancro, diabete insulinodependente de tipo 1, asma grave, etc.).

Basta con achegarse co DNI, tarxeta de doador ou similar, e especificar se está a tomar ou tomou recentemente algún medicamento. Non acudir sen almorzar, esperando despois de xantar polo menos dúas horas. Unha vez alí, un médico realizará unha revisión do estado de saúde e medirá o pulso, a tensión e o nivel de hemoglobina para descartar unha anemia. En tódolos casos, emprégase material estéril e dun só uso, e o volume de sangue doado recupérase case de inmediato.

O Concello agradece a colaboración e solidariedade de toda a veciñanza.