Ir o contido principal

Mulleres en acción. Violencia-Zero

FacebookTwitterShare
Violencia Zero

Mulleres en acción. Violencia zero é un proxecto de acción artística da Deputación de Pontevedra, para a visibilización e reflexión co fin de promover unha sociedade igualitaria e concienciar á poboación sobre a necesidade de loitar contra as violencias machistas. Dende a Concellería de Igualdade informamos que neste 2023 Mulleres en Acción,Violencia Zero chega ao Concello de Cangas o vindeiro mércores 1 de febreiro ás 11:30h no Ies María Soliño.

TÍTULO: “O LUGAR DA FENDA”

Dicía a poeta Alejandra Pizarnik: “Non doe, pero doe en todas partes.” Hai fendas/feridas imperceptibles, apenas unha fisura superficial, que poden ser o sinal dunha greta máis profunda, que vén do interior.

Nesta proposta ecoan palabras como vulnerabilidade, fractura, silencio, dor, resiliencia, pero é a fraxilidade a o que toma o pulso da mesma. Aínda así, fronte a fraxilidade, tamén resaltamos un dos seus opostos: a resistencia.

Fraxilidade como na cerámica, onde as principais fontes de fractura son as gretas producidas durante o acabado superficial e a porosidade. Resistencia como os humáns en constante adaptación ó medio. A pel, os órganos, as emocións, a memoria do corpo.

Corpos que tamén mostran nos debuxos da sua pel as fendas do seu interior.

E se habitamos a fenda e convertemos a fraxilidade na nosa potencia?

 Obradoiro co Bacharelato de Artes:

O principal obxectivo é achegar as ferramentas artísticas que as creadoras utilizan na súa peza para que os e as alumnas podan ter unha mirada máis profunda sobre ela. Así, relacionarse co mundo da danza e a cerámica dun xeito directo e cotiá.

A sesión preséntase a través de dinámicas de movemento onde tomar conciencia do propio corpo, desde o goce e a naturalidade de contactar cunha mesma desde o movemento e a danza. A través deste traballo a construírase co alumnado unha acción escénica para presentar ao resto do alumnado.

 Acción escénica:

Diálogo performativo entre Verónica Moar (ceramista e creadora) e Rut Balbís, (bailarina e coreógrafa) o alumnado, entre os materiais e os corpos, entre o contido e o contexto, un diálogo desde o silencio e o íntimo.

Neste encontro único as dúas creadoras conversan desde os seus universos particulares, a cerámica e a danza, para crear así unha atmosfera que non lles é descoñecida, un lugar no medio onde ambas se senten moi cómodas.

Duración do obradoiro: 2 horas
Duración da acción: 25 minutos.
Data: 1 de febreiro de 2023 ás 11:30 acción escénica co público.
Lugar: Ies María Soliño.
Artistas:

VERÓNICA MOAR SUÁREZ     (A Coruña, 1978)

Ceramista e artista galega, licenciada en Filoloxía Inglesa e titulada en Cerámica Artística pola Escola de Arte e Superior de Deseño Pablo Picasso (EASD) da Coruña.

A práctica artística de Verónica Moar caracterízase por diluír as fronteiras convencionais da cerámica e expandir as súas posibilidades en eidos coma a escultura, a performance e a danza contemporánea. Estes diálogos entre as artes plásticas e as artes vivas desembocaron nun terreo híbrido e colaborativo con poetas coma Antía Otero, dramaturgas coma Gena Baamonde, performers coma Helena Salgueiro e coreógrafas coma Rut Balbís. Realizou exposicións individuais e accións performativas en institucións coma a Fundación DIDAC, o Festival C ou o Festival de Innovación Social: Ares Innova, ademais de participar en proxectos expositivos colectivos con carácter nacional e internacional no Auditorio de Galicia, no Museo Gaiás, na Deputación da Coruña, na Galería Ponce+Robles, na Porto Design Biennale ou na Bienal de Cerámica de Aveiro. Impartiu conferencias en ciclos organizados pola EASD Pablo Picasso da Coruña, no Festival Plataforma e en diversas xornadas educativas centradas nos ensinos artísticos, e foi seleccionada e premiada en certames coma o Premio Artesanía de Galicia en 2015 ou o XVI Certame de Artes Plásticas Isaac Díaz Pardo. Tamén participou nas Residencias Artísticas do Gaiás (REGA) 2021 e gozou dunha estadía no Centro Torrente Ballester, dentro do programa de residencias artísticas do Colectivo RPM. Á súa vez, foi bolseira polo Concello da Coruña cunha axuda para a creación artística no 2021/2022 e pola Fundación Pública Artesanía de Galicia para realizar unha residencia artística en Aichi, Xapón. A súa obra atópase en coleccións coma a da Fundación DIDAC ou a da Deputación da Coruña.

 

RUT BALBÍS     (Ourense, 1979)

Creadora-coreógrafa, intérprete e docente en artes do movemento, é licenciada en Ciencias da Actividade Física e do Deporte, alén de realizar o One Year Certificate in Contemporary Dance en The Place, Londres. Dirixe a súa propia agrupación Pisando Ovos desde 2004, coa que recibiu o primeiro premio do XXI Certame Coreográfico de Madrid no 2007. A compañía conta con nove creacións coas que participa de forma habitual nas redes de teatros autonómicas e nacionais, así como nalgúns dos festivais nacionais ou internacionais máis destacados do panorama actual das artes vivas. En paralelo ao seu proxecto con Pisando Ovos, colabora con outras compañías de teatro e danza na dirección e asesoramento de movemento como con Las Tricotouses, Chévere, Traspediante, Voadora, Paula Quintas, Masamadre, Marelas Teatro, Aire no Ar, Sarabela Teatro, Pista Catro ou o Centro Dramático de Galicia; e tamén como intérprete con Matarile Teatro, Iker Gómez, Lipi Hernández ou Licenciada Sotelo. Rut participou en diferentes proxectos audiovisuais coma os de videodanza Danza na terra de Vilaboy, Katiuska de Antón Coucheiro, ou na curtametraxe Marcela e Elisa de Toño Chouza. Como docente dirixiu a Aula de Danza Normal da Universidade da Coruña durante trece anos. Ademais, é integrante do colectivo RPM e foi colaboradora habitual da sección de artes do movemento do Diario Cultural da Radio Galega. No ano 2019 recibe o Premio da Crítica de Galicia das artes escénicas, en recoñecemento ao seu labor na difusión e dignificación da danza contemporánea en Galicia.