Día Mundial da Infancia
O Concello de Cangas celebra o Día Mundial da Infancia cun contacontos inclusivo en galego e lingua de signos
O Servizo de Normalización Lingüística e o Concello de Cangas, co apoio da Deputación de Pontevedra, organizan o contacontos “A Maleta” para conmemorar o Día Mundial da Infancia, unha data dedicada a promover os dereitos, a igualdade e o benestar de todos os nenos e nenas.
A actividade terá lugar o venres 21 de novembro ás 18:00 horas nos Xardíns de Andrea (en caso de choiva, trasladarase ao vestíbulo do Concello).
“A Maleta” é unha proposta que combina narración oral, teatro e lingua de signos para ofrecer unha experiencia inclusiva e accesible. A historia comeza cando un animal descoñecido chega cunha maleta e esperta a curiosidade dos demais: que traerá dentro? Que podemos descubrir se miramos máis alá das aparencias?
Dirixido a todos os públicos a partir dos 5 anos, o contacontos promove a diversidade, a empatía e o respecto polas diferenzas, ao tempo que abre as portas á lingua de signos e ao uso do galego como puntos de encontro e convivencia.
Con esta iniciativa, o Concello de Cangas reafirma o seu compromiso coa infancia, a inclusión e a promoción da diversidade lingüística e cultural, celebrando este día especial cunha actividade para gozar en familia.
Data: venres, 21 de novembro
Hora: 18:00 h
Lugar: Xardíns de Andrea (ou no vestíbulo do Concello se chove)
Entrada libre e gratuíta
- Log in to post comments



