TEATRO DA RAMBOIA presenta: O MEU MUNDO NON É DESTE REINO.
Sábado 5 de xullo ás 20:00 horas.
Dramaturxia e dirección: María Peinado.
Elenco: Anxo García e Fran Lareu.
Deseño escenografía, marionetas e vestiario: María Peinado. Deseño iluminación: Germán Gundín. Realización escenografía: Armindo Salgueiro e Anxo García. Apoio escenografía: Luís Iglesias “Luchi”. Construción marionetas: Anxo García. Realización vestiario: Nidia Rodríguez Romero. Espazo sonoro: María Peinado.
Sinopse:
Uns feirantes chegan ao que chaman fogar logo dun día de traballo. Son Camilo e Tomás, dous titiriteiros que levan o mesmo espectáculo unha e outra vez polas vilas do país. Carretan ás costas un enorme “tutilimundi”. A disxuntiva de abrilo convérteo nunha caixa de Pandora latente.
Contar e dar vida ao que contén, supón a única vía de escape dos totalitarismos que os oprimen. Un xeito de sobrevivir nun reino militarizado sen trazas de lóxica humanística. Nun contexto ao que non pertencen, nun reino que non é do seu mundo.
Ábreno. As marionetas emerxen da farsa como alegorías incontrolables e esperpénticas dunha realidade pasada. A comedia ábrese paso como xerme de cambio nun xogo continuado entre o micro e macro teatro. Ata que todo remata. Desbórdase.
Neste Reino a inxustiza tínguese de vivas cores querendo despistar ao senso común, ao oprimido. E que ocorre co resto? Cos que lle rodean? Esvaecen nun fondo descolorido.
O MEU MUNDO NON É DESTE REINO, é unha adaptación da “Farsa de Bululú” de Manuel María, unha parodia da ditadura franquista. A recuperación do título orixinal da obra serve para proxectar este laio silenciado no seu día. Hoxe, encabeza o espectáculo de novo para facer fronte a un pasado que insiste en repetirse.
Duración do espectáculo: 85 min. aprox.
Premios:
2020 María Casares á Mellor Dirección para María Peinado
2020 María Casares á Mellor Adaptación para María Peinado
2018 Proxecto Gañador do I Certame Manuel María de Proxectos Teatrais
Venda de localidades:
Aticipada: ataquilla.com (buscar en google: ataquilla cangas) / Tfno.: 902 504 500.
O mesmo día: Despacho de billetes do auditorio, 2 horas antes do comezo do espectáculo.
Prezo da entrada: 5 euros.
- Log in to post comments