Ir o contido principal

BANDO FOGUEIRAS SAN XOAN

FacebookTwitterShare
fogueiras

-B A N D O-


MARÍA VICTORIA PORTAS MARIÑO ALCALDESA DO CONCELLO DE CANGAS FAGO SABER:


Con motivo da festividade de San Xoán novamente este ano debe compatibilizarse a continuidade da tradición coa necesidade de observar unha serie de medidas para preservar a saúde e que todos e todas poidamos recibir o verán felizmente cos nosos achegados.
Por este motivo debe recordarse que están PROHIBIDAS as fogueiras e cacharelas nas praias do Municipio durante todo o ano e nas circunstancias actuais tamén na noite de San Xoán.
En relación coas fogueiras en espazos privados estas deberán ser obxecto de comunicación previa ao Concello para o que será preciso presentar cuberta no rexistro unha instancia xeral que está a disposición dos interesados/interesadas na web municipal e no propio Concello dende o día da publicación do presente bando e ata o 21/06/2021.
Os responsables destas fogueiras deben cumprir coa normativa vixente e respectar as normas de seguridade e prevención precisas para evitar accidentes especialmente as que a continuación se especifican e que se poderán consultar na páxina web municipal:
● Estará prohibido levar a cabo cacharelas sobre as vías públicas pavimentadas, xardíns ou zonas verdes, baixo tendidos eléctricos e telefónicos.
● As cacharelas terán que gardar unha separación mínima de 12 metros lineais coa vexetación, casas e edificios máis próximos.
● A súa altura máxima será de 14 metros e o diámetro da zona de combustión de 6 metros de ancho.
● Para a combustión, só poderán empregarse leña, ramas, troncos de árbores ou calquera material de madeira, quedando prohibido empregar materiais inflamables como pneumáticos, plásticos, latas, botellas de vidro ou materiais de PVC.
● Tamén se prohibe botar ás cacharelas aerosois (aínda se están baleiros), aceites, líquidos combustibles e calquera substancia explosiva.
● As persoas que asistan non se poderán situar nunha área de diámetro similar á altura do pau central da cacharela.
● As persoas organizadoras das fogueiras, deberán ter coñecemento dos teléfonos de contacto necesarios no caso de que xurda algún accidente. Lémbrase que o teléfono de emerxencias é o 112.
● Igualmente as persoas organizadoras das fogueiras, deberán contar coa previsión de medios de extinción que permitan apagar o lume de producirse calquera incidencia.
● Debido á normativa aplicable á covid-19, o solicitante deberá responsabilizarse do cumprimento das normas establecidas en canto á seguridade e medidas específicas sanitarias.
Mediante estas normas, de obrigado cumprimento, o Concello pretende garantir a protección e seguridade das persoas que participen nestas festas de grande tradición no noso país, facendo compatible a diversión coa seguridade de toda a cidadanía.

 

A continuación pódese descargar o Bando e a Instancia Xeral para os que queiran solicitar permisos para fogueira na súa propiedade privada.