Este espazo cultural inaugurouse o 18 de outubro de 2001, converténdose desde a súa apertura no elemento dinamizador e escenario por excelencia da actividade cultural do municipio, tendo grande repercusión sobre os concellos limítrofes de Moaña e Bueu, o que supón unha área de influencia de máis de 60.000 persoas, incluíndo os 25.000 habitantes do Concello de Cangas.
O edificio, deseñado polo arquitecto Alfredo Freixedo, é unha construción moderna cunha capacidade e características técnicas á altura dos auditorios máis emblemáticos de Galicia.
O volume da construción organízase en dous contedores de escala ben diferenciada. O menor que se interpón entre a sala e a rúa acolle as oficinas de xestión administrativa do propio auditorio e as aulas do Conservatorio Profesional de Música de Cangas e da Escola Municipal de Musica “Mestre Inocentes Camaño”. O contedor maior acolle o auditorio propiamente dito e as dependencias estreitamente relacionadas con el. Conta cun gran vestíbulo principal en dobre altura e percorrido por dúas grandes escaleiras de acceso as distintas entradas das bancadas do anfiteatro. Dispón de almacéns, oficinas administrativas, catro camerinos, dous deles de grandes dimensións, unha magnifica sala de representacións e unha sala de exposicións.