Ir o contido principal

Auditorio

Auditorio Municipal de Cangas
Horario

Horario de atención ao público: de martes a venres de 9:30 a 15:00.

Este espazo cultural inaugurouse o 18 de outubro de 2001, converténdose desde a súa apertura no elemento dinamizador e escenario por excelencia da actividade cultural do municipio; tendo grande repercusión sobre os concellos limítrofes, cómpre lembrar que é o único auditorio na península do Morrazo capaz de acoller grandes espectáculos de artes escénicas e musicais, tendo unha área de influencia sobre máis de 80.000 persoas. 

O edificio, deseñado polo arquitecto Alfredo Freixedo, é unha construción moderna cunha capacidade e características técnicas á altura dos auditorios máis emblemáticos de Galicia.

O volume da construción organízase en dous contenedores de escala ben diferenciada; o menor, que se interpón entre a sala e a rúa, acolle as oficinas de xestión administrativa do propio auditorio e as aulas do Conservatorio Profesional de Música de Cangas e da Escola Municipal de Musica “Mestre Inocentes Camaño”. O contenedor maior acolle o auditorio propiamente dito e as dependencias estreitamente relacionadas con el. Conta cun gran vestíbulo principal en dobre altura e percorrido por dúas grandes escaleiras de acceso as distintas entradas das bancadas do anfiteatro. Dispón de almacéns, oficinas administrativas, catro camerinos, dous deles de grandes dimensións, unha magnífica sala de representacións e unha sala de exposicións.

 

Localización

Enderezo Social: Avd. de Lugo, 27  36940 Cangas.
Coordenadas de localización: 42º16’N e 8º47’ O

 

Contacto

Teléfonos: 986 304 108
E-mail: auditorio@cangas.gal
Horario de xestión administrativa e atención ao público: de 9:30  a 13:30 horas de martes a venres.

 

Sala - Teatro

O auditorio dispón dunha gran sala de representación con cabida para 690 espectadores. Ten 402 butacas en platea distribuídas en 13 de 32 butacas cada unha, o que se traduce nunha proximidade  idónea entre público e escena. O anfiteatro e os palcos teñen un total de 288 butacas. O escenario de 17 x 17 metros de embocadura, 9 metros de fondo e 16 metros de altura coa súa tremoia correspondente: telón de boca monitorizado e cámara negra formada por 4 patas a ambos laterais, bambolinas e telón de fondo.

A capacidade da sala unida ás dimensións do escenario e a excelente acústica, fan do conxunto un lugar privilexiado para deleite dos amantes das artes escénicas.

 

Sala de exposicións

O terceiro andar do edificio acolle unha sala de exposición caracterizada pola influencia da luz natural e das excelentes vistas. Ten forma cuadrangular con dúas paredes dominadas por grandes cristaleiras; presenta unhas dimensións de 1000 m² de superficie e 72 metros lineais de parede acondicionada para colgar obra artística.

Horario de visita: de 17:00 a 21:30 horas de martes a sábado.

(Domingo e luns pechado por descanso do persoal.)

 

Actividade

Sala  - Teatro.

Dende a súa apertura o auditorio ten dunha programación continua e estable ao longo do ano. Durante o primeiro semestre caracterízase por ofrecer semanalmente, un mínimo dun espectáculo profesional (preferentemente o sábado). Prográmanse ciclos de cine, música, teatro e danza; dita programación está elaborada pola Concellería de Cultura do Concello de Cangas coa colaboración de diversas entidades culturais do municipio.

Na primeira quincena de xullo o auditorio acolle a Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas, manifestación cultural de primeira orde que naceu en 1984 e que se celebra tódolos anos, é sen dubida, xunto coa de Ribadavia, a mostra teatral máis importante de Galicia. A Mostra ten unha duración mínima dunha semana e o auditorio acolle todos os días unha representación teatral.

Da segunda quincena de xullo á segunda quincena de setembro, como é habitual na maioría dos teatros, redúcese a programación coincidindo co período vacacional por excelencia. Nestes meses a programación perde o seu carácter semanal concentrándose os espectáculos na 2ª quincena de Agosto, dando cabida ás principais actuacións culturais das Festas patronais, destacando o Festival de Bandas de Música Populares e o prestixioso festival “CanJazz”. 

Desde mediados de setembro e ata a finalización do ano o auditorio contempla unha programación estable moi heteroxénea intercalando espectáculos teatrais profesionais  con concertos, teatro afeccionado, maxia, festivais benéficos de carácter popular etc, destacando pola súa importancia a intensa programación infantil na segunda quincena de decembro e os tradicionais concertos de Nadal.

 

Sala de exposicións:

Acolle principalmente exposicións de carácter artístico: obra pictórica, escultórica ou fotográfica; tendo cabida, con carácter máis esporádico, as exposicións temáticas; a actividade é continua ao longo do ano. Os artistas amosan a súa obra nesta sala durante aproximadamente 20 días, tempo medio de duración das distintas exposicións que se programan. Entre todas as exposicións que acolle o Auditorio destaca pola súa calidade e prestixio o certame de pintura e escultura Bienal Internacional Arte no Morrazo, creado en 1993, e acollido nesta sala desde a súa apertura, desenvólvese con carácter bienal, na datas comprendidas entre mediados de xuño a mediados de xullo. Pola importancia débese destacar tamén o Salón do Cómic que se desenvolve tamén con carácter bienal na terceira semana de xullo.

 

Público

A asistencia de público aos distintos espectáculos programados é moi elevada, e varía en función de cada unha das propostas destacando a afluencia de público á Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas, e o Certame de Pintura e Escultura Arte no Morrazo, así como espectáculos puntuais de gran renome e prestixio.

Anualmente visitan o auditorio unha media de arredor de 65.000 persoas.