Un monte sagrado para os nosos devanceiros, un monte máxico para nós
O accidente xeográfico coñecido como Monte do Facho álzase 189 metros no extremo occidental da península do Morrazo, inmediatamente encima dunha costa acantilada denominada “Costa da Vela ou Soavela” e bañada polas augas do Océano Atlántico.
O Monte acolleu ao longo dos séculos varios asentamentos, algúns deles ligados ao culto a divindades, que o converten nun espazo único non só en Galicia senón na Península Ibérica.
Na cima aínda perviven as evidencias da última ocupación humana, un posto militar de vixilancia costeira existente nos séculos XVII e XVIII, e do que aínda fica o testemuño da “garita”, estrutura de forma circular e cuberta con cúpula que coroa o monte.
Monte Facho
No extremo occidental da Península do Morrazo, individualizado do seu contorno e elevado sobre o océano, o Monte do Facho acolleu ao longo de séculos distintas expresións da vida na comarca, que o son tamén da Historia de Galicia.
As evidencias máis antigas, no ata agora coñecido da intervención humana no Facho, non están baixo terra, senón nalgunhas das pedras que conforman a complexa topografía do monte. Referímonos aos gravados rupestres dispostos na parte alta de rocas que afloran á superficie ou doutras que as escavacións realizadas fixeron aflorar. Os gravados recollen cazoletas e círculos amais de motivos máis complexos e de difícil interpretación.
As intervencións arqueolóxicas constataron que a primeira ocupación humana do monte remóntase a fins da Idade do Bronce (século IX a.C.). Trátase dun poboado aberto disposto ao longo das ladeiras do monte e desde o cumio ata a base do mesmo, o que lle outorga un excepcional tamaño.
A partir do século VI a.C. xorde un castro santuario que subsistirá ata o século I a.C. Del aínda se conservan o que no seu día foron edificacións de gran tamaño e de formas irregulares, algunhas delas con altares no seu interior e que hoxe cobren as ladeiras do monte, amais das murallas, os vertedoiros de lixo nas marxes do poboado ou a topografía actual do monte que deriva tanto da construción mesma do poboado como da configuración natural.
Posteriormente, un santuario galaico-romano levantado sobre o cumio vai recoller as vellas crenzas dos que viviran no castro, para dotalas ao longo dos séculos III ao IV d.C., dun novo carácter, agora marcado polo proceso de asimilación da cultura latina na rexión do Imperio Romano, chamada Gallaecia. Os altares votivos son, sen dúbida, os achados máis significativos de esta ocupación
Finalmente no século XVII constrúese o posto de vixilancia costeira con fins militares do cal está en pé a garita, estrutura de forma circular e cuberta con cúpula que coroa o monte.
O Santuario Galaico Romano
O santuario dispoñíase nunha área en pendente que circundaba o cumio do monte. A área sacra estaba configurada internamente por pequenas terrazas que reaproveitaron as ruínas do antigo poboado e nas que se colocaban as ofrendas en forma de pequenos altares.
Os altares votivos son, sen dúbida, os achados máis significativos de este asentamento. Trátase de ofrecer ao deus un pequeno monumento que recorda na súa forma a fachada dun templo e que recolle nunha inscrición a súa condición de exvoto, a divindade á que vai dirixida e en ocasións o nome do crente e os motivos da ofrenda, que aquí insiste no seu carácter curativo. A inscrición máis habitual nas aras atopadas é “O DEO LARI BEROBREO ARAM POSUIT PRO SALUTE”
A pesar da súa espectacularidade, en especial polo seu gran número, os altares non son a única expresión do culto realizado en época galaicorromana no Facho. Son unha manifestación dos ritos realizados e ocupaban só unha parte do conxunto do santuario. Así, desde o espazo ocupado por eles podíase acceder por un camiño entre dous muros ao cume do monte, que debeu xogar un papel importante na definición do santuario, pero que aparece baleiro de calquera resto.
Ao final da existencia do santuario, o lugar foi abandonado; as aras foron caendo e amoreándose, ás veces fragmentadas, para permanecer así ata os nosos días.