Ir o contido principal

XX Salón do Cómic e da Ilustración de Cangas

FacebookTwitterShare
Comic
Comic

O Salón do Cómic celebra o seu vinte aniversario cun Paseo do Fama para recordar aos máis de sesenta artistas que pasaron por Cangas

Celebrarase por primeira vez un Mercadillo con artistas profesionais e afeccionados
 

Cangas 03/07/24- O XX Salón do Cómic e da Ilustración de Cangas arrancará o día 13 de xullo con dúas novidades importantes. Por unha banda, o ‘Cómic Cangas Boulevard’, un particular Paseo da Fama que lembrará aos máis de 60 artistas que pasaron polo Salón até o momento. Mercedes Lorenzo, técnica responsable da Área de Xuventude do Concello, anunciou que este particular paseo situarase nun treito duns 90 metros da canguesa Rúa San Xosé, con estrelas no chan cos nomes dos ilustradores e debuxantes que visitaron a vila canguesa desde a primeira edición.

A outra novidade é a celebración, por primeira vez, dun Mercadillo do Cómic & Ilustración. Trátase dun espazo onde os afeccionados ao mundo da ilustración e da banda deseñada terán a oportunidade de mercar debuxos orixinais dos artistas Leandro Barea, Víctor Rivas, Jorge Campos, Alicia Blanco, @Yai_Dibuja e Sarai Lorenzo. O Mercadillo celebrarase o sábado 13 de xullo na Casa da Bola, entre as 11 e as 19 horas. 

Outro dos pratos fortes do Salón son os artistas convidados. Nesta ocasión estarán en Cangas María Bren, Cristian Robles, Miguel Robledo e Gabriel H. Walta. O propio día 13, a partir das 19 horas, poderase percorrer unha exposición coa obra destes autores. María Bren é un exemplo de talento novo galego, cunha gran traxectoria como ilustradora ás súas costas. Outro convidado é Cristian Robles, cunha traxectoria que inclúe cómic, ilustración, animación, ademais de ser autor de catro libros. Miguel Robledo, outro dos convidados, é unha das principais figuras da ilustración e do cómic galego e nacional. Por último, estará tamén en Cangas Gabriel H. Walta, un dos debuxantes máis prestixiosos do mundo, dúas veces gañador do Premio Eisner e nominado ao terceiro na edición deste ano en California, cuxo resultado, ademais, se coñecerá durante o Salón. Os cinco artistas convidados protagonizarán, ademais, varias charlas-coloquio os dous últimos días do Salón.

PREMIO ‘TINTA DE LURA’

O propio día 13 de xullo tamén se fará entrega do 1º Premio de Banda Deseñada ‘Tinta de Lura’, nas categorías de lingua galega e castelá. En galego, a libro gañador foi ‘Irene, a porteira’, de Xulia Pisón e Óscar Losada, que rescata a figura de Irene González Basanta, unha coruñesa que xogou ao fútbol nos anos 20. En castelán, o gañador foi ‘Planeta’, de Ana Oncina, que fala da búsqueda dun lugar no mundo e nas relacións amorosas. Os premios foron outorgados por un xurado formado por alumnado dos institutos organizadores, o IES de Rodeira (Cangas), o IES Plurilingüe A Paralaia (Moaña) e IES Pino Manso (O Porriño). 

PRESENTACIÓNS E SINATURAS

As sinaturas é outra das actividades que espertan gran interese entre os afeccionados a este xénero literario. Bea Gregores asinará o seu libro ‘Avelaíña e o camiño á illa’. Tamén estarán en Cangas dedicando os seus traballos Lucía Cid, Xavier Alcalá, Manel Cráneo, Ángela Curro, Law e Adamantik.

OBRADOIROS:

Outra das actividades estrela, para pequenos e maiores, é o popular Obradoiro de Cómic impartido polo debuxante e ilustrador Jose A. Calvo, popularmente coñecido como ‘Mónico’. Será desde o luns 15 ao venres 19 de xullo, ás 12 da mañá, no Auditorio Municipal de Cangas. O martes 16 estará acompañado pola ilustradora Ángela Curro.

Como novidade, este ano haberá un Obradoiro de Introdución á Cultura Xaponesa, grazas á colaboración coa Escola Oficial de Idiomas.

CINE

O cine será outro dos protagonistas desta edición. As proxeccións faranse no Auditorio ás oito da tarde. Completamente de balde, as persoas que queiran poderán ver as películas ‘Robot Dreams’ [Pablo Berger, 2023], ‘Momias’ [J. J. García Galocha, 2023], ‘El monstruo marino’ [Chris Williams, 2022] e ‘Spiderman: Cruzando el Multiverso’ [Joaquim dos Santos, 2023].

COSPLAY

O Certame Cosplay chega este ano á súa terceira edición. Trátase dun concurso de disfraces de temática relacionada co mundo dos personaxes de cómic, manga e videoxogos. O concurso celebrarase o 16 de xullo no Auditorio Municipal ás 18.00 h.

SINATURAS DOS AUTORES INVITADOS

Como peche das actividades, os artistas invitados asinarán para o público asistente e deixarán unha dedicatoria que engrosará a xa ampla colección de orixinais do Concello de Cangas.

A alcaldesa de Cangas, Araceli Xestido, dixo que coa celebración deste Salón, a vila será este verán “o epicentro do cómic”. O concelleiro de Mocidade, Turismo e Voluntariado, Noel Malvido, destacou a importancia do cómic como xénero apto para todos os públicos e a calidade dos autores que visitarán este verán o Salón.

comic