CANGAS CONECTA IMPULSA O COMERCIO LOCAL CUN NOVO SISTEMA DE PREMIOS
O Concello de Cangas porá en marcha nos vindeiros meses Cangas Conecta, unha nova campaña de dinamización comercial que busca conectar os establecementos do municipio e favorecer que cada compra poida xerar novas visitas e consumo noutros negocios da vila.
A iniciativa, promovida pola Concellería de Promoción Económica, pretende crear unha rede de colaboración entre o comercio local, de maneira que unha compra nun establecemento poida ter continuidade noutros negocios adheridos á campaña. O proxecto foi adxudicado á empresa local Estudio Kintek tras ser traballado no Grupo de Dinamización do Comercio Local e na Mesa Local de Comercio.
Cangas Conecta contará cunha plataforma web de validación rápida e con dúas modalidades de premios.
Por unha banda estarán os Bonos Circulares de 5 euros. Ao realizar unha compra mínima nun establecemento adherido, a persoa compradora recibirá un cupón cun código que poderá introducir na web da campaña para comprobar se obtivo un desconto de 5 euros. Este bono deberá empregarse nun comercio participante diferente ao da compra inicial.
A segunda modalidade será o Pasaporte Cangas Conecta. As persoas participantes irán acumulando selos ao realizar compras en distintos establecementos e, ao reunir selos de catro negocios diferentes, entrarán no sorteo de cinco vales de 100 euros para consumir en Cangas.
INSCRICIÓN PARA OS COMERCIOS
A participación na campaña é gratuíta e está aberta a todos os comercios con local físico en Cangas.
O prazo de inscrición estará aberto do 28 de setembro ao 10 de outubro a través da web: https://conecta.cangas.gal/
Os establecementos que queiran solicitar máis información ou resolver dúbidas poden contactar a través do correo: cangasconecta@cangas.gal
A empresa adxudicataria facilitará aos comercios participantes os carteis identificativos, pasaportes, cupóns e selos personalizados, ademais do soporte técnico necesario para o funcionamento da plataforma.
- Log in to post comments



