Bases do programa Vivendas Baleiras

O Concello de Cangas subscribiu un acordo co Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) para a súa adhesión ao convenio de colaboración entre este organismo e a Federación de Municipios e Provincias (FEGAMP) co fin de desenvolver o Programa Vivendas Baleiras no ámbito do Plan Galego de Rehabilitación, aluguer e mellora do acceso á vivenda 2015 – 2020.
Co fin de dar cumprimento ao devandito acordo, o Concello pon en marcha unha bolsa de vivendas baleiras destinadas ás persoas ou unidades familiares con dificultades para acceder ao mercado libre de arrendamento cun prezo de aluguer fixado pola comisión Concello-IGVS, cuxo pagamento mensual estará garantido por póliza de seguro. Os inmobles que formen parte da bolsa contarán con dous seguros: un multiriscos e outro que garanta o pago.
Desta maneira, favorecerase o acceso ás vivendas por partes dos colectivos sociais especialmente desfavorecidos, vulnerables ou en situación de exclusión social, mulleres vítimas de violencia de xénero ou a persoas maiores e menores de 35 anos que queiran acceder a unha vivenda por primeira vez.
Convén recordar que para a creación desta bolsa de vivendas baleiras para alugueiro social é imprescindible a colaboración da veciñanza. Para obter máis información pódense por en contacto co Centro Municipal de Benestar Social ou a través do correo vivendasbaleiras@cangas.gal.
- Log in to post comments