Ir o contido principal

Programa De Axudas Nos Alugueiros De Vivenda Habitual Para Minimizar O Impacto Económico E Social Do COVID-19

FacebookTwitterShare
axudas

RESOLUCIÓN DO INSTITUTO GALEGO DA VIVENDA E SOLO do 19 de maio de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións do Programa de axudas para contribuír a minimizar o impacto económico e social do COVID-19 nos alugueiros de vivenda habitual, e se convocan para o ano 2020 (código de procedemento VI432E).

 
OBXECTO:

A concesión de axudas ao alugueiro, mediante a adxudicación directa ás persoas arrendatarias de vivenda habitual que, como consecuencia do impacto económico e social do COVID–19, teñan problemas transitorios para atender o pagamento parcial ou total do alugueiro. Especificamente, o programa inclúe no seu obxecto a concesión de axudas para facer fronte á devolución das axudas transitorias de financiamento recollidas no artigo 9 del Real decreto lei 11/2020, polo que se adoptan medidas urxentes complementarias no ámbito social e económico para facer fronte ao COVID-19 e contraídas polas persoas arrendatarias de vivenda habitual, a cuxa devolución non puidesen facer fronte.


PRAZO:
 O prazo de presentación de solicitudes  rematará o 30 de setembro de 2021.


DEFINICIÓN DA SITUACION DE VULNERABIALIDADE ECONÓMICA PARA OS EFECTOS DE OBTER ESTAS AXUDAS

De acordo co establecido no artigo 5 do Real decreto lei 11/2020, do 31 de marzo, os supostos de vulnerabilidade económica como consecuencia da emerxencia sanitaria ocasionada polo COVID-19 requirirán, para os efectos de obter axudas en relación coa renda do alugueiro da vivenda habitual, a concorrencia conxunta dos seguintes requisitos:

 

  1. Que a persoa que estea obrigada a pagar a renda de alugueiro pase a estar en situación de desemprego, expediente temporal de regulación de emprego (en diante, ERTE) ou reducise a súa xornada por motivo de coidados, en caso de ser empresario, ou outras circunstancias similares que supoñan unha perda substancial de ingresos, e non alcanzar por iso o conxunto dos ingresos dos membros da unidade familiar, desde a declaración do estado de alarma e ata un mes despois da súa finalización:
    1. Con carácter xeral, o límite de 3 veces o IPREM.
    2. Este límite incrementarase en 0,1 veces o IPREM por cada fillo a cargo na unidade familiar. O incremento aplicable por fillo a cargo será de 0,15 veces o IPREM por cada fillo no caso de unidade familiar monoparental.
    3. Este límite incrementarase en 0,1 veces o IPREM por cada persoa maior de 65 anos membro da unidade familiar.
    4. No caso de que algún dos membros da unidade familiar teña declarada discapacidade igual ou superior ao 33 %, situación de dependencia ou enfermidade que o incapacite acreditadamente de forma permanente para realizar unha actividade laboral, o límite previsto na subepígrafe 1) será de 4 veces o IPREM, sen prexuízo dos incrementos acumulados por fillo a cargo.
    5. No caso de que a persoa obrigada a pagar a renda de alugueiro sexa unha persoa con parálise cerebral, con enfermidade mental ou con discapacidade intelectual, cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 33 por cento, ou persoa con discapacidade física ou sensorial, cun grao de discapacidade recoñecida igual ou superior ao 65%, así como nos casos de enfermidade grave que incapacite acreditadamente a persoa ou o seu coidador para realizar unha actividade laboral, o límite previsto na subepígrafe 1) será de 5 veces o IPREM.
    6. Que a renda, máis os gastos e subministracións básicas, do mes anterior á solicitude da axuda resulten superiores ou iguais ao 35 % dos ingresos netos que perciba o conxunto dos membros da unidade familiar.  (custo das subministracións de electricidade, gas, gasóleo para calefacción, auga corrente, dos servizos de telecomunicación fixa e móbil, e as posibles contribucións á comunidade de propietarios)

 

 

 PERSOAS BENEFICIARIAS:

a) Ter a nacionalidade española ou residir legalmente en España, no caso das persoas estranxeiras.
b) Ser titulares, en condición de persoa inquilina, dun contrato de alugamento de vivenda cunha duración mínima dun ano, formalizado nos termos da Lei 29/1994, do 24 de novembro, de arrendamentos urbanos, con mención expresa da súa referencia catastral e do medio e forma de pagamento á persoa arrendadora.
c) Que a vivenda arrendada constitúa a súa residencia habitual e permanente, así como da súa unidade de familiar. Para estes efectos, tanto a persoa beneficiaria como as demais persoas integrantes da súa unidade familiar deben constar empadroadas na vivenda obxecto do contrato de alugamento na data da presentación da solicitude.
d) Estar en situación de vulnerabilidade económica, conforme o establecido no ordinal terceiro.
e) Estar ao día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social e non ter pendente ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.
f) Non estar incurso nalgunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de decembro, e/ou no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
 


CÓNTÍA , DURACIÓN E FINALIDADE
1. A contía desta axuda será de ata 500 euros mensuais, sen que en ningún caso poida exceder o importe da renda do contrato.
No suposto de ter accedido ás axudas transitorias de financiamento reguladas no artigo 9 do Real decreto lei 11/2020, do 31 de marzo, a axuda poderá chegar ata un importe de 3.000 euros, co que se satisfará total ou parcialmente o pagamento da renda da vivenda habitual.
 
2. A axuda concederase polo prazo en que se acredite estar en situación de vulnerabilidade como consecuencia do COVID-19, durante un período máximo de 6 meses, e poderá ter efectos retroactivos nos termos sinalados na correspondente convocatoria.
 
3. A axuda ten carácter finalista e, polo tanto, non poderán aplicarse a outro destino que o pagamento da renda do alugueiro ou, de ser o caso, á cancelación, total ou parcial, das axudas transitorias de financiamento reguladas no artigo 9 do Real decreto lei 11/2020, do 31 de marzo. Neste suposto, unicamente cando se cancelase a totalidade do préstamo, se o seu importe fose inferior ao da axuda concedida, poderá destinarse a axuda a cubrir o pagamento de novas mensualidades de renda ata acadar o total da axuda concedida.
 
NOTA:

A axuda deste programa, con independencia de que se teña subscrito ou non un préstamo mediante as axudas transitorias de financiamento reguladas no artigo 9 do Real decreto lei 11/2020, é compatible con calquera outra axuda ao alugamento que viñese percibindo a persoa arrendataria, incluso se fose con cargo ao propio Plan 2018-2021, sempre e cando o total das axudas non supere o 100 % do importe do alugueiro do mesmo período.

 

 

Máis información no Concello de Cangas:

- Servicios Sociais: 986 39 22 66

- Benestar Social: benestarsocial@cangas.gal