Wifi pública a disposición da veciñanza
O concelleiro de Participación Veciñal, Transparencia e Asociacionismo, Jesús Pérez Gallego, presentou no día de hoxe o novo sistema de Wifi pública do Concello de Cangas. Un servizo accesible para toda a veciñanza que polo de agora está presente en cinco sedes: o Concello, a Casa da Cultura, a Casa da Xuventude, o Auditorio e a sede de Turismo do Porto. Esta última considérase moi importante para que as persoas usuarias poidan consultar os horarios de transporte, xa sexa de barco ou de autobús.
Esta nova prestación conta con varios puntos de acceso: tanto internos, dentro dos propios establecementos; como exteriores, para que a xente se poida conectar desde zonas alleas (prazas, rúas, etc), exceptuando neste último punto ao Auditorio de Cangas.
Como o sistema está xestionado a través do portal cautivo Cisco Meraki, antes de acceder ao servizo, a persoa interesada debe realizar un rexistro para así cumprir coa lei vixente de Telecomunicacións. Para cumprimentar o citado rexistro débese crear unha conta través dun formulario no que se solicitan o nome de usuario, o email ou o contrasinal.
Despois de tres días en funcionamento, a Wifi pública xa conta con, aproximadamente, 200 inscritos ou inscritas. De feito, desde o Concello cóntase cunha plataforma que permite coñecer os anotamentos que se levan a cabo, así como os dispositivos a través dos que se realiza a conexión (tablet, ordenador, móbil) e as aplicacións máis empregadas.
A velocidade está restrinxida aos 10 Megabytes para descarga e subida. Ademais, impídese o acceso a páxinas indebidas que están prohibidas.
Con este novo sistema cómprese coa legalidade vixente, posto que ata o de agora, calquera persoa se podía conectar sen ningún tipo de inscrición previa. Neste momento xa é necesario un rexistro polo que, se se comete algún delito, poderase identificar ao indiviiduo causante do mesmo, o que proporciona unha maior seguridade para toda a cidadanía.
- Log in to post comments