Ir o contido principal

Presentamos a Sede Electrónica do Concello de Cangas

FacebookTwitterShare
Presentamos a Sede Electrónica do Concello de Cangas

A Concellaría de Participación veciñal, Transparencia e Asociacionismo quere anunciar que xa está dispoñible no Concello de Cangas a sede electrónica para a presentación de documentos e solicitudes, en liña, para a realización de comunicacións relativas a trámites e asuntos de competencia municipal.

A Sede Electrónica está operativa as 24 horas do día, durante todos os días do ano, e poderedes acceder a ela a través de http://cangas.sedelectronica.gal ou a través do banner de acceso que habilitaremos na nosa páxina web www.cangas.gal. Para empregar esta plataforma é preciso dispoñer dun DNI electrónico ou outro certificado dixital recoñecido na lista de certificados admitidos.

Esta plataforma serve para presentar solicitudes, escritos ou comunicacións relativas aos procedementos e asuntos que sexan de competencia municipal sen necesidade de achegarse ás oficinas municipais facéndoo a través do rexistro electrónico.

O rexistro electrónico toma unha referencia de tempo, anota o número de recepción da documentación, garda os datos da presentación da información e devolve un xustificante co número de rexistro de entrada, data e hora da presentación. Ademais de presentar a solicitude normalizada, pódese aportar toda a documentación necesaria para a tramitación de dito expediente.

O rexistro rexerase, a efectos de cómputo e prazos, pola data e hora oficial da Sede Electrónica.

Actualmente dispoñemos na sede de diferentes seccións:

  • CARPETA CIDADÁ: é a carpeta onde se poderán consultar todos os expedientes que iniciou a persoa usuaria na sede do Concello e o estado no que se atopan. Ademais, na caixa de correo electrónico recibiranse as notificacións electrónicas.
  • CATÁLOGO DE TRÁMITES: onde se aloxan os diferentes trámites divididos por procedementos e categorías:
  • Alcaldía: Solicitude para o Matrimonio Civil.
  • Cultura: Solicitude de alta no Servizo Municipal de Biblioteca.
  • Urbanismo: Solicitude de Cambio de Titularidade para o Exercicio de Actividade, Comunicación Previa de Actividade Inocua (Réxime Subsidiario), Comunicación previa de apertura de actividade inocua (supostos da Lei 9/2013, de 19 de decembro), Comunicación previa en materia urbanística, Licenza de primeira ocupación e Licenza urbanística de obras maiores.
  • Medio ambiente: Solicitude para Medio Ambiente.
  • Tributos: Aprazamento ou fraccionamento de débedas tributarias e Devolución de fianza ou cancelación de aval.
  • Secretaría: Solicitude de Dereito de Acceso a Información Pública.
  • Reclamacións e Suxestións.
  • VERIFICAR DOCUMENTOS: ferramenta onde toda a cidadanía poderá comprobar a autenticidade dos documentos, introducindo o número do código de barras dos documentos asinados electronicamente.
  • TABOLEIRO DE ANUNCIOS: teremos nel toda a información que o Concello fai pública neste apartado. Tamén se poderá acceder ao taboleiro de edictos actualizado.
  • PERFIL DO CONTRATANTE: accederás aquí ao perfil do Concello de Cangas onde se publican todas as ofertas e adxudicacións emitidas polo mesmo.
  • FACTURA ELECTRÓNICA: se es provedor poderás presentar as túas facturas electrónicas desde a Sede.

O catálogo de trámites irase completando pouco a pouco ata tentar conseguir un amplo abano de trámites de acceso e presentación electrónica. De forma xenérica está habilitada a Instancia Xeral para a tramitación electrónica de calquera outro trámite que aínda non estea habilitado.

Poden obter máis información sobre o funcionamento da sede e sobre a validez dos certificados na propia plataforma no botón de Información Xeral e no de FAQs, onde se explican todos os trámites que se poden realizar e como facelo.

A Sede Electrónica é unha plataforma desenrolada pola empresa esPublico Gestiona e foi implantada a través dun convenio firmado coa Deputación de Pontevedra, no que a día de hoxe seguimos traballando en conxunto.

A implantación non é un proxecto a curto prazo, si non que é algo que seguirá medrando e evolucionando no tempo.

Nos vindeiros días repartiranse polas distintas dependencias municipais os 1.000 dípticos nos que se recolle o funcionamento da sede e os pasos básicos a seguir.

Todas as persoas usuarias poderán consultar as súas dúbidas a través de diferentes xuntanzas que se farán coa veciñanza no Concello e onde están convidadas a achegarse e obter información sobre a Sede Electrónica. A primeira destas xuntanzas terá lugar o vindeiro mércores día 29 de marzo ás 19:00 horas no Salón de Plenos Municipal.