Ir o contido principal

O proxecto artístico “Mulleres en Acción: Violencia Zero” chega a Cangas

FacebookTwitterShare
O proxecto artístico “Mulleres en Acción: Violencia Zero” chega a Cangas

O vindeiro xoves, día 10 agosto, levarase a cabo ás 21:00 horas na Praza das Pontes o acto denominado “Mulleres en Acción: violencia zero”, ao que asistirán a presidenta da Deputación provincial, Carmela Silva Rego, o alcalde do Concello de Cangas, Xosé Manuel Pazos Varela, a Deputada de Cohesión Social e Xuventude, Digna Rosa Rivas Gómez, o concelleiro de Servizos Sociais, Igualdade e Sanidade, Tomás Hermelo Álvarez e a comisaria de Mulleres en Acción Violencia Zero, Paula Cabaleiro.

A reivindicación da igualdade de xénero e concienciar á poboación do problema que supón a violencia machista son un dos principais obxectivos que se marca o proxecto artístico “Mulleres en acción: violencia zero 2016-2017”. Aínda así, o fin principal xira en torno á unión: lograr reunir todas as forzas posibles para loitar e plantarlle cara a un dos problemas máis importantes que asolaga a sociedade de hoxe en día.

A artista e bailarina Paula Quintas tamén estará presente, posto que presentará a súa peza ‘Plastic’, na que mostra cuestións tan relevantes como a sexualidade, a cirurxía ou a relación entre o corpo e a imaxe. Quintas é unha bailarina e alambrista circense, docente e coreógrafa que está licenciada pola Universidade de Santiago de Compostela en Historia da Arte. Actualmente continúa a súa formación e investigación corporal en técnicas entre a danza e o circo. Realiza o seu traballo en España e no estranxeiro como freelancer. Ademais, está relacionada coas compañías TrasPediante, Dizzy O’Dare, Voltage Opposites e Cía Projecto C-F Dance, onde explora novos códigos corporais dentro dunha combinación de danza, circo e instalación visual e sonora.

Desde o Concello reitérase o compromiso contra a violencia de xénero, defendendo en todo momento a idea dunha sociedade igualitaria entre homes e mulleres, na que non exista maltrato nin discriminación.