Ir o contido principal

Manifesto 8 de marzo de 2018 do Consello Municipal de Igualdade

FacebookTwitterShare
Manifesto 8 de marzo de 2018 do Consello Municipal de Igualdade

Xuntas somos máis, cada 8 de marzo celebramos a unión entre todas as mulleres para loitar polos nosos dereitos; ao longo dos anos unidas conseguimos grandes  fazañas e dereitos básicos, pero aínda nos queda moito traballo por facer en prol da igualdade. Este 8 de marzo de 2018 supón un fito histórico dado que formamos parte dunha Folga Internacional, convocada en máis de 170 países na procura dunha sociedade máis xusta e igualitaria. Porque sabemos que temos que loitar pola erradicación: do  terrorismo machista, das agresións, das humillacións, das exclusións; polo desarme: da brecha salarial, do teito de cristal, da precarización dos sectores feminizados; polo fin da conciliación única por parte nosa, por facer visible o traballo na casa, por unha sanidade e un sistema público de pensións que teña en conta as especiais dificultades das mulleres.

Mostra das discriminacións que sufrimos día tras día. Reivindicamos a resolución das desigualdades sanitarias e o traballo a favor da equidade, temos que manter o noso compromiso de avanzar para dispor a mulleres activas, informadas, empoderadas e autónomas ante o cancro de mama ou ante calquera enfermidade. Necesitamos romper có actual sistema patriarcal, avogamos pola coeducación en todos os ámbitos e espazos de formación e pola investigación con perspectiva de xénero.

En 1617 un tribunal de homes decidiu que as mulleres non podían reunirse en Cangas máis que para ser bruxas. En 1936 Clara Campoamor tivo que exiliarse a Suíza por promover a ousadía -pensaban algún- de que as mulleres puidesen votar. As mulleres cobran a día de hoxe en Galicia un 29% menos que os homes. O patriarcado non é unha historia de tempos pasados e cómpre atacar as causas que o sustentan. Non no século XVII, non na posguerra. Hoxe. A nós, ás nosas fillas. Non chegou agora o día en que a muller tomou en conta a discriminación que sofre laboral, social e economicamente só por ser muller. Non acabamos de desembarcar neste reclamo. E non calaremos mañán porque sexa 9 de marzo. Temos unha loita que gañar e pelexarémola por nós, polas que han de vir e polas que nos precederon.

Rosalía, María Casares, Exeria… cantas mulleres destacadas veñen á nosa cabeza. Mulleres rompedoras, mulleres vangardistas, mulleres pioneiras nun mundo de homes que non lles deu ningunha concesión. Mais con coraxe saíron adiante impoñendo unha maneira de ser e facer que non concordaba cun mundo inzado de preconceitos difíciles de superar.

O seu exemplo, o seu esforzo deu tamén o seu froito, pois hoxe, con moito por conquistar aínda, o seu testemuño é unha responsabilidade para todas e todos nós. Elas puideron en situación complexa, nosoutras avanzamos tamén cara unha sociedade xusta, na que nin o machismo, nin calquera outra manifestación discriminatoria sexa determinante á hora de esculpirmos o noso futuro, cheo de esperanza libertaria.

Neste día lembramos e actuamos para que os nosos obxectivos sexan efectivos. Non pedimos prevendas nin favores, arrincámoslle ao poder establecido o que nos corresponde por dereito. Nesa loita, con esforzo e determinación, chegará un momento no que o mundo tamén sexa para nós.

Todas en folga, loitadoras!

A nosa identidade é múltiple, somos diversas e tamén queremos ser libres polo que demandamos que a Cultura sexa a gran aliada das mulleres e do feminismo porque, a través de calquera das súas expresións, cine, teatro, series, cómic, novela, videoxogos, etc, podemos acabar co casposo e violento machismo, modificando os roles e personaxes estereotipados, educando, así, en respecto e Igualdade á nosa sociedade, á nosa mocidade.

Neste día queremos reivindicar os dereitos das mulleres, mais non só hoxe, senón todos os días. Queremos que se avance, que deixemos de ser unha sociedade do século XV para converternos na sociedade do século XXI. Unha sociedade que deixe de confundir o que significa feminismo, unha sociedade que deixe de ver ás mulleres como inferiores ou débiles. En definitiva, unha sociedade no que o 50% deixe de dominar ao outro 50% restante. Xa abonda. Basta xa.

Os motivos para estar en folga son tantos que desbordan calquera convocatoria e chaman a unha revolución feminista.

Estamos en folga para que o labor dos coidados dispoña de remuneración digna, valorización social e corresponsabilidade comunitaria. Paramos para expoñer e deter aos nosos abusadores e loitar contra a inseguridade económica que absorbe as nosas vidas. Reivindicamos o dereito ao (auto)coidado, á liberdade sexual, a salarios dignos e a sindicarnos para facer fronte colectivamente aos abusos da patronal. Facemos folga contra a violencia estrutural e institucional. Pola abolición do réxime de internas das traballadoras do fogar e contra o patriarcado e capitalismo, que promoven as desigualdades, o racismo e a misoxinia. Paramos polas asasinadas e violadas e contra o odio cara as disidencias sexuais e identitarias. Estamos aquí dando un paso adiante para acabar coa cultura da violación e o silencio cómplice, para reivindicar a soberanía sobre os nosos corpos, o noso pobo e a defensa da nosa terra. Paramos por unha educación pública, de calidade, gratuíta, laica, feminista e das obreiras que nos permita medrar como persoas con ansias de coñecemento e non de competitividade.

Estamos en folga para amosarlle ao mundo o que ocorre cando paramos no mundo laboral, estudantil, dos coidados e no consumo. Cando os supermercados quedan sen caixeiras nin consumidoras, os bares sen clientas nin camareiras, sen mestras nin alumnas nas aulas. Os hospitais sen recepcionistas, médicas, limpadoras ou enfermeiras. Cociñas sen mulleres, televisións sen presentadoras, xulgados sen avogadas, fiscais nin xuízas. Cando paramos todas e nos xuntamos nas prazas para berrar alto e claro.

Querémonos libres, querémonos vivas.

Hoxe a loita non remata.

Esta folga danos forzas para seguir ata conseguir o mundo que queremos.