Ir o contido principal

Implicación da veciñanza na campaña Cangas en Negro

FacebookTwitterShare
Implicación da veciñanza na campaña Cangas en Negro

Dende a Concellaría de Servizos Sociais, Igualdade e Sanidade estase traballando de cara a campaña "Cangas en Negro", que se vai celebrar dende o venres 17 ao domingo 26 de novembro na nosa vila. Esta acción, ao igual que o ano anterior, está destinada a tinguir as rúas de negro para mostrar todo o noso rexeitamento ás violencias de xénero. A día de hoxe, xa hai máis de 130 colectivos anotados para participar, entre os que se inclúen tendas, agrupacións de comerciantes e de restauradores, restaurantes, asociacións, clubs deportivos ou sindicatos. A nivel galego hai 56 Concellos e tres Deputacións anotadas.

Desde o Concello quérese resaltar que esta acción non está pechada aos colectivos citados, senón que o obxectivo a conseguir é a implicación de toda a veciñanza de Cangas. A forma de facelo é que, durante as datas mencionadas, se colguen dos balcóns, das fiestras, das portas,… roupa negra ou calquera obxecto negro. A campaña ofrece unha liberdade total para que cada quen faga as súas propias accións (sempre coa cor negra de fondo).

A nivel municipal, todas as persoas que o desexen poden dirixirse ao correo ennegro@cangas.gal para anotarse e estar informadas de todas as novidades da campaña.

Ademais, está a disposición da poboación a páxina web En Negro contra as Violencias. Nela existe un subforo de ideas, onde se comparten as accións doutras vilas ou persoas, de forma que entre todas as participantes se poña en común o traballo feito. Tamén hai un apartado de descargas onde está dispoñible todo o material da campaña.