Ir o contido principal

Campaña para fomentar unhas festas libres de violencias sexistas

FacebookTwitterShare
Campaña para fomentar unhas festas libres de violencias sexistas

Por segundo ano consecutivo, o Concello de Cangas, a través da Concellaría de Servizos Sociais, Igualdade e Sanidade en colaboración coa Concellaría de Cultura, leva a cabo a campaña denominada “Por unhas festas libres de violencias sexistas”, que coincide co inicio das Festas do Cristo 2017.

A nosa sociedade tense que fundamentar en valores tales como a igualdade, a liberdade, a tolerancia ou a diversidade. Valores que teñen que estar presentes en todos os espazos, tanto públicos coma privados. Por iso, queremos reiterar unha vez máis que a nosa institución condena en todo momento calquera tipo de violencia e, ademais, comprométese a loitar contra estes actos a través destas iniciativas de sensibilización.

Tal é así que volvemos presentar a carteleira que incorpora consigo o lema “Por unhas festas libres de violencias sexistas”, que xa colga dunha das fachadas do edificio do Concello. Nas nosas redes sociais (Facebook e Twitter) tamén nos facemos eco desta situación: empregando a mesma imaxe da campaña e a través da publicación de información que deixe claro que gozar das festas supón dispoñer de espazos nos que a convivencia sexa en igualdade e libre de todo machismo.

“Lembra! Eu decido, ti respectas”

Seguindo a mesma liña tamén queremos facer visible a campaña levada a cabo pola Deputación de Pontevedra baixo o título “Lembra! Eu decido, ti respectas” dirixida á mocidade. A súa finalidade é a de informar, sensibilizar e concienciar de que “a violencia sexual é extensiva a todo acto sexual, á tentativa de consumar un acto sexual, aos comentarios ou insinuacións sexuais non desexados ou ás accións para comercializar ou empregar de calquera outro modo a sexualidade dunha persoa mediante coacción por outra persoa”.

Para lograr isto, difúndense folletos dirixidos a mozas e a mozos, nos que, principalmente, déixase claro que as mulleres non son propiedade de ninguén e que teñen liberdade plena para decidir. “Non todas as agresións sexuais son de atacantes descoñecidos”, “que alguén non che siga o conto forma parte do seu dereito a dicir non”, “a outra persoa ten dereito a parar”: estas son algunhas das mensaxes que se difunden a través dos materiais e coas que se pretende concienciar á poboación.

En xeral, trátase dunha campaña que se comezou empregando nos Festivais Rías Baixas 2017 e que transmite de forma moi clara que as vítimas nunca son as culpables.