Campaña “Cangas en Negro”

A Concellaría de Servizos Sociais, Igualdade e Sanidade e o Consello de Igualdade informan que este xoves 17 de agosto ás 21:00h no Salón de Plenos do Concello de Cangas está convocada unha reunión informativa aberta á participación de colectivos do comercio, asociativos, da hostalería, axentes sociais, deportivos e persoas interesadas... para explicar a campaña Concellos en Negro co fin de potenciar a participación na mesma, dado que o Concello de Cangas é un dos concellos adheridos.
Co obxectivo de promover e facer visible o rexeitamento da cidadanía ante calquera tipo de violencia contra as mulleres, o ano pasado, o municipio estivo adherido á campaña de sensibilización Concellos en Negro, unha iniciativa do Concello de Santiago de Compostela na que se implicaron arredor de 100 establecementos comerciais e axentes sociais e deportivos do municipio. A acción consistiu en tinguir de negro a cidade a través dos escaparates, os manequíns, a roupa de traballo; vestir loito en sinal de dor por todas as mulleres que sofren violencia machista e como resposta á máis dura das súas consecuencias: o asasinato.
Partindo desta boa práctica, e coa finalidade de multiplicar e estender a incidencia social desta campaña, este ano, somos máis concellos galegos os que decidimos unir os nosos esforzos para desenvolver conxuntamente a campaña de sensibilización “En negro, contra a violencia”.
- Log in to post comments