Ir o contido principal

XIII Trofeo de Pesca Submarina

FacebookTwitterShare
XIII Trofeo de Pesca Submarina

A pesca submarina foi unha das protagonistas no día de hoxe grazas á presentación do XIII Trofeo Concello de Cangas desta disciplina deportiva. Trátase dunha competición que se realizará o vindeiro domingo día 3 en horario de mañá na Costa da Vela, e que está organizada polo Club Galerna de Actividades Subacuáticas.

A pesca que se levará a cabo será selectiva. De feito, a cota máxima engloba cinco pezas como máximo e a puntuación realizarase en función da cantidade do peso e do número de pezas. Se se cubre a cota outorgaranse puntos extra.

A saída farase ás 08:30 horas en dirección á Costa da Vela e, aproximadamente, os participantes botarán catro horas no mar. Despois, unha vez de volta en Cangas, realizarase a pesada no Club de Remo e, sobre as 15:00 horas, terá lugar a entrega de trofeos.

Participarán arredor de 30 membros pertencentes ao club Galerna e a outros clubs de Vigo. Convén resaltar o carácter solidario deste trofeo, posto que todas as capturas serán doadas a varias entidades benéficas. 

O concelleiro de Deportes, Xoán C. Chillón, convida a toda a veciñanza e turistas a que se aproximen para ver un “acto espectacular e moi vistoso, poderanse observar exemplares moi bonitos”.