Ir o contido principal

Presentación V Campionato Escolar de Remo Indoor

FacebookTwitterShare
V Campionato Escolar de Remo Indoor

Esta mañá tivo lugar a presentación do V Campionato Escolar de Remo Indoor na Casa da Xuventude, á que acudiron o concelleiro de Ensino e Deporte, Xoán C. Chillón, os coordinadores do Club Remo Vila de Cangas, Iván García González e Laura González García, a secretaria do IES Rodeira, Cristina Caíño Juncal, e a patrocinadora Vitaldent Morrazo, Susana González Vázquez.

O evento terá lugar este sábado 26 de maio no Pavillón de Deportes de Rodeira, en horario de 10:30 a 13:30 horas e con entrada gratuíta.

Na competición participarán 250 nenos e nenas en representación dos centros escolares do municipio, nas categorías Benxamín, Alevín e Infantil, tanto en modalidade masculina como feminina. Os 10 mellores de cada categoría disputarán a final, na que haberá 6 podios (un por categoría).

Este proxecto, organizado polo Club de Remo Vila de Cangas e patrocinado por Vitaldent Morrazo,  pretende acercar o remo ás aulas, o que garante que os escolares teñen a oportunidade de coñecer un deporte minoritario, ademais de inculcarlles un estilo de vida saudable.

O concelleiro Xoán C. Chillón aproveitou a ocasión para agradecer o importante traballo que o Vila de Cangas e os colexios e institutos están levando a cabo para fomentar o deporte base na vila a través da participación e igualdade.