Presentación dos torneos de baloncesto das Festas do Cristo
Este venres, día 18 de agosto, tivo lugar na Casa da Xuventude a presentación dos diversos torneos de baloncesto que se enmarcan dentro da programación das Festas do Cristo e que están organizados polo Club Baloncesto Defensores do Morrazo.
O encargado de abrir o programa será o IV Torneo Aberto ‘Basket na Rúa 3x3’, que se celebrará nas Pistas da Alameda Nova o 25 de agosto a partir das 19:00 horas. Está dirixido tanto a afeccionados como a profesionais e a inscrición está aberta desde hoxe a todas as persoas maiores de 12 anos. Unha inscrición que se pode realizar na Casa da Xuventude ou a través do seguinte número de teléfono: 660 876 231. Habitualmente soe haber entre 10 e 12 equipos competidores, o que implica que haxa arredor de 50 e 60 persoas xogando nos campos habilitados.
O 28 de agosto ás 20:00 horas comezará o ‘Minibasket All Star Defe’ no pavillón de San Roque. Aquí o que se leva a cabo é unha exhibición deste deporte na que os auténticos protagonistas son os rapaces e rapaces de entre 9 e 11 anos. Esta tempada confrontaranse dous equipos mixtos e, a maiores, levarase a cabo un torneo de entradas a canastras e unha competición de triplas.
Por último e, como broche de ouro, terá lugar o ‘Trofeo Festas do Cristo Baloncesto Base’ no pavillón de Rodeira o 29 de agosto ás 20:00 horas. Trátase do torneo final, unha competición moi importante xa que participan clubs de referencia do ámbito provincial ou autonómico, como o é o Porriño Baloncesto Base.
O concelleiro de Deportes, Xoán C. Chillón Iglesias, agradece ao club organizador pola realización destas competicións que “dan visibilidade ao baloncesto e que, á súa vez, valoran a progresión deste deporte”.
- Log in to post comments



