Ir o contido principal

Presentación do XXII Campionato Galego de Pombas de Raza

FacebookTwitterShare
Presentación do XXII Campionato Galego de Pombas de Raza

No día de hoxe levouse a cabo a presentación do XXII Campionato Galego de Pombas de Raza que se celebrará desde o día 6 ata o 10 de decembro no edificio da Cámara Agraria de Cangas. No acto estiveron presentes o concelleiro de Deportes, Xoán C. Chillón, así como o presidente do club organizador (a Sociedade Colombicultura Rías Baixas), Santiago Antepazo Fernández, e o seu tesoureiro Antonio Cordeiro.

O horario de apertura ao público será de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas durante os días 8 e 9, mentres que o 10 será de 10:00 a 14:00 horas. A entrada ao evento é totalmente gratuíta e desde o Concello anímase a asistir, pois nel haberá arredor de 40 expositores de toda Galicia con 180 pombas de diversas e moi variadas razas. Dese total, 20 dos animais pertencen á familia Buchón galego, unha estirpe que está en proceso de ser legalizada.

O Delegado Nacional de Raza, Bernardino Crespo Bernal, será o xuíz desta competición, na que se presentarán oito razas de adultos e pichóns. Das mesmas, as que contan cun maior número de participación son  as denominadas como Gaditana e  Granadina. As valoracións comprenderán diferentes parámetros: características físicas, calidade da pluma e comportamento. Convén especificar aquí que unha pomba pode obter unha puntuación entre 0 e 100 puntos: “É habitual que as puntuacións se sitúen entre os 70 e os 90 puntos. É dicir, entre o notable alto e o sobresaínte”, especificou o presidente do club organizador.

O concelleiro tamén aproveitou esta presentación para agradecer o “gran esforzo e labor que desenvolve a Sociedade Colombicultura Rías Baixas. Ademais quero convidar a toda a veciñanza para que acuda, posto que se trata dunha competición moi interesante”.

Sen dúbida, trátase dunha cita habitual no calendario do noso municipio. Un evento que acada un grande éxito, tanto de participación como de asistencia. E, o máis importante é que supón a “antesala do Campionato de España de Colombicultura 2018, que terá lugar en Cangas durante a primeira quincena do mes de marzo”.