Ir o contido principal

Presentación do XIV Programa Deportivo Escolar

FacebookTwitterShare
Presentación do XIV Programa Deportivo Escolar

No día de hoxe realizouse a presentación do evento máis importante a nivel de participación e complexidade que hai na Concellaría de Deportes: o Programa de Actividades Extraescolares, que xa conta coa súa XIV edición e que está destinado a todos os cursos dos colexios deste municipio. O programa, unha das grandes apostas da Fundación Cangas Deporte, iniciarase o primeiro luns de outubro e prolongarase ata o 31 de maio de 2018. A duración será de oito meses.

En xeral, trátase dun conglomerado de actividades extraescolares dirixidas a nenos e nenas de educación infantil e primaria (3 a 11 anos) dos centros educativos do Concello de Cangas. Para este curso 2017/18 ofértanse un total de 14 actividades (psicomotrocidade, taekwondo, tenis, atletismo, patinaxe, voleibol, xadrez, ximnasia, baloncesto, ciclismo, tenis mesa, vela, piragüismo, e windsurf), cunha participación aproximada de 750 nenos e nenas, o que supón un 30% da comunidade escolar.

O prazo de inscrición abriuse o pasado luns e xa se levan recollidas máis de 100 inscricións. Cómpre destacar que o venres día 22 de setembro rematará o prazo. É preciso que estas solicitudes se formalicen nas oficinas da Fundación Cangas Deporte (Casa da Xuventude). O prezo detállase no documento anexado e trátase dunha contía que se paga por todo o curso.

Todas as actividades que se levan a cabo son impartidas polos monitores responsables dos propios clubs do municipio, posto que se busca acercar os colexios a estes clubs deportivos, así como facilitar o tránsito dos nenos aos mesmos. “Podemos dicir que temos varios campións e campioas da esfera do deporte de Cangas que participaron neste programa”, sinalou o técnico de Deportes durante a presentación do evento.

As actividades realizaranse no propio centro escolar do neno ou nena, algo que contribuirá a facilitar e favorecer a convivencia familiar e laboral. “Os participantes quedarán a comer no comedor do colexio para despois iniciar a actividade”. Hai que resaltar que non todas as actividades se poden realizar nas escolas, tal e como pode ser o caso do piragüismo. Nese caso, o lugar de realización será no espazo hábil do club específico.

Para levar a cabo esta programación e asegurar o seu éxito é vital a debida coordinación coas ANPAS, cos centros escolares e cos clubs, para non interferir nas propias actividades dos centros. Sumado a isto, débese apuntar que existen diversas unidades deportivas que tamén realizan outras ofertas en colaboración coas ANPAS.

O concelleiro de Ensino e Deporte, Xoán C. Chillón Iglesias, comentou na presentación que se trata “dunha das programacións máis importantes. Referímonos aquí ao valor que ten o deporte vinculado ao mundo da educación. Promóvese así unha cultura do esforzo, do traballo e da disciplina. Ademais, favorécese á socialización, algo vital para o alumnado”.