Ir o contido principal

Presentación do torneo de exhibición “Fútbol Gaélico”

FacebookTwitterShare
Presentación do torneo de exhibición “Fútbol Gaélico”

A Casa da Xuventude acolleu por primeira vez a presentación dun torneo de exhibición de Fútbol Gaélico, que se levará a cabo o vindeiro sábado, día 26 de agosto, entre as 16:30 e as 18:30 horas no Campo de Fútbol Javier Guimeráns do Hío.

Neste triangular participarán os equipos Cambados Gaélico, Keltoi Vigo e Herdeiros de Dhais de Lalín. Trataranse de tres partidos de 40 minutos cada un. A entrada será de balde e unha vez rematados os partidos haberá un acto de confraternidade e pinchos.

A intención do evento deportivo é dar a coñecer o fútbol gaélico dentro de Cangas e do Morrazo. Hai que ter en conta que se trata dun deporte que ten moitas similitudes co balonmán e o que se trata é de sentar unhas bases para que nun futuro inmediato se poidan crear equipos desta modalidade na nosa vila.

O concelleiro de Deportes, Xoán Chillón Iglesias, aproveitou a ocasión para agradecer aos organizadores por “pór en valor e visibilizar este deporte. Quero convidar a toda a veciñanza para que asista, trátase dun evento deportivo e cultural que non podemos perder”.

Convén destacar que a competición está organizada polo club Cambados Gaélico e conta coa colaboración da Concellaría de Deportes, a Asociación Galega de Fútbol Gaélico e o FC Cruceiro de Hío.