Ir o contido principal

Presentación do campionato galego da clase Optimist

FacebookTwitterShare
 Presentación do campionato galego da clase Optimist

A Casa da Xuventude acolleu no día de hoxe a presentación do Campionato Galego da Clase Optimist, organizado polo Club Náutico de Rodeira e que se levará a cabo por primeira vez en Cangas durante os días 10, 11 e 12 de febreiro.

A proba desenvolverase nas augas da Ría de Vigo onde se congregarán máis de 100 embarcacións con deportistas pertencentes ás categorías sub-13 e sub-16 masculina e feminina. A día de hoxe hai 125 participantes rexistrados, rematando mañá o período de inscrición. Na proba estarán presentes o Náutico Coruña, o Náutico Oza, o Náutico Riveira, o Náutico Portosín, o Náutico Sanxenxo, o Náutico Vigo, o Club Marítimo Canido, o Club de Mar Aguete e o Náutico Rodeira.

A competición componse de tres xornadas nas que se pretende levar a cabo nove mangas, sempre e cando a meteoroloxía o permita. O sábado farase a saída á auga ás 13:00 horas, mentres que o domingo e o luns será a partir das 11:00 horas. A entrega de premios realizarase o último día de tarde, previsiblemente ás 17:00 horas.

Dentro dos deportistas favoritos e favoritas sitúanse Yago Barca do Náutico de Sanxenxo e que actualmente é o dominador do ránking galego de regatas, Bruno Ameneiro tamén do Náutico de Sanxenxo, Paula da Rocha e Ricardo Fernández Miranda do Club Marítimo de Canido e Stella Enríquez do Náutico de Vigo.

Ao acto de presentación acudiron o concelleiro de Deportes, Xoán C. Chillón Iglesias, e o presidente do Náutico de Rodeira, Juan Carlos Rodríguez Llanos. Ámbolos dous esperan que a meteoroloxía acompañe a proba deportiva e animan á veciñanza para que presencie o campionato. “Desde a concellaría aplaudimos esta iniciativa do club de Rodeira”.

Entre os patrocinadores da regata atópanse o Concello, a Deputación de Pontevedra, a Federación Galega de Vela e Conservas Orbe. Entre os colaboradores Froiz, Panadería Iglesias, Caixabank e Coca Cola.