Presentación da V Andaina Cangas - Moaña
O concelleiro de Ensino e Deporte, Xoán C. Chillón Iglesias, o secretario da Asociación Española Contra o Cancro Cangas, Andrés Jesús Rodríguez Lemos, e a presidenta do Club Atletismo Vila de Cangas, María Carmen Parada Martínez, foron as persoas encargadas de presentar no día de onte a V Andaina Cangas-Moaña, que se desenvolverá o vindeiro domingo en horario de 10:00 a 13:00 horas para conmemorar o Día Mundial Sen Tabaco.
O punto de partida será a Praza do Concello de Cangas. Toda a veciñanza interesada en participar deberá estar no lugar citado a partir das 09:30 horas para realizar as inscricións (gratuítas). Asemade, poderanse facer donativos e axudas. AECC destinará todo o diñeiro recadado a proxectos de investigación e aos servizos que a formación presta aos individuos e familias afectadas.
A ruta contará con, aproximadamente, 7 quilómetros entre ida e volta e transcorrerá por parte do Camiño Real. O punto final será a praia de Niño do Corvo de Tirán, onde se dará a volta.
Andrés Jesús Rodríguez quixo agradecer a colaboración do Concello e do Club Atletismo Vila de Cangas. Tamén manifestou a vontade da Asociación para que as futuras edicións desta ruta se celebren sempre na primeira semana de xuño.
O concelleiro Xoán Chillón puxo de manifesto que “se trata dunha proposta moi boa para visibilizar a enfermidade do cancro. Quérese concienciar á xente para que leve unha vida san, sen tabaco. Convido á cidadanía a asistir porque se trata dun evento saudable e benéfico”.
- Log in to post comments