Presentación da IV Andaina - I Senderismo de Cangas
A Asociación Española Contra o Cancro (AECC) xunto coa Concellaría de Ensino e Deporte presentaron hoxe, na Casa da Xuventude, a IV Andaina – I Senderismo Cangas, unha iniciativa social que ten como fin principal conmemorar o Día Mundial Sen Tabaco, xornada que se adoita celebrar o 31 de maio pero que se aprazou para o vindeiro domingo, 25 de xuño, debido a modificacións na Xunta Directiva da citada asociación.
Contarase coa participación de preto de 200 persoas na ruta, que dará comezo ás 10:00 horas para dirixirse cara o Montecarrasco. Ademais, está previsto que a andaina conte cun tempo de duración aproximado dunha hora ata chegar ao alto do monte. Convén recordar que ás 9:00 horas todas as persoas interesadas poderán realizar a súa inscrición, así coma un donativo voluntario na explanada do IES María Soliño.
O presidente da AECC de Cangas, Raúl Cerna, comentou que, este ano, a ruta presenta un cambio de itinerario para ofrecerlles algo diferente a todas as persoas participantes: “Dispón de dificultade media, é máis difícil ca das anteriores tempadas, pero as vistas son fabulosas. Hai sitios nos que se pode observar Bueu, Aldán e todo Vigo”. Tamén recordou que a baixada é libre pero que non se recomenda “volver polo camiño estreito, xa que non presenta boas condicións”.
O percorrido incluirá a explanada do IES María Soliño, a Serra da Magdalena, a Subida ao Alto do Carballiño e o Miradoiro da Mesa dos Montes. Ao rematar a andaina celebrarase unha exhibición de zumba aberta a todo o público que desexe participar.
O Concelleiro de Deportes, Xoán C. Chillón, aproveitou a ocasión para darlle a benvida á nova directiva e recordou que esta iniciativa está orientada a unha boa causa, posto que “se trata de facer visible o problema a través de hábitos saudables, poñendo en valor o espazo natural e patrimonial”. Por todo iso, animamos a toda a veciñanza canguesa a sumarse a esta andaina.
- Log in to post comments



