Ir o contido principal

Mantemento correctivo do campo de fútbol municipal

FacebookTwitterShare
Mantemento correctivo do campo de fútbol municipal

A concelleira de Obras e Servizos, Mercedes Giraldez, desprazouse o pasado venres ao Campo de Fútbol Municipal para supervisar os traballos de mantemento do campo que realiza a empresa Zona de Obra o Rosal, S.L. con fondos propios.

As operacións de mantemento do campo non se limitaron á limpeza e recebado, que é unha actuación de prevención, se non que se fixo un mantemento correctivo en dúas fases e prevendo unha terceira de revisión o vindeiro ano. A primeira actuación levouse a cabo no mes de febreiro, con aireación e reposición de area para reparar a progresiva compactación e endurecemento das láminas de xogo e evitar problemas de humidade. Esta semana realizáronse traballos de recebado de superficies, revisión e aporte de granulado de caucho, que tende a desprazarse da base coa práctica deportiva quedando a súa distribución irregular, e posteriormente rematouse cun cepillado da zona para homoxeneizar os niveis de carga para evitar a compactación.

Esta actuación cun custe de 8.470 € deixa o campo de xogo en perfectas condicións de uso, que só require nos vindeiros anos das labores de mantemento preventivo que debe realizar o club que actualmente utiliza estas instalacións, consistentes na limpeza, revisión do estado das xuntas, liñas de marcaxe, remates da lámina cos elementos de rego, etc., para garantir unha utilización segura e a máxima vida útil do campo de herba artificial, cunha revisión do estado por parte da empresa encargada deste mantemento o vindeiro ano.

Con esta actuación o Concello de Cangas quere garantir que un investimento tan elevado como foi o campo de herba artificial, no que nunca se fixera un mantemento correctivo, estea nas mellores condicións evitando o deterioro paulatino que implica non actuar de maneira correctiva, e que suporía un investimento maior en pouco tempo, así como garantir a utilización segura do usuariado desta instalación (maioritariamente cativos e cativas).

A Concellaría de Deportes está prestando especial atención ás labores de mantemento correctivo para evitar problemas futuros como sucede con outras instalacións municipais, evitando grandes investimentos para os que é necesario unha dotación orzamentaria moi elevada que o concello non pode asumir na súa totalidade e para o que solicita axuda doutras administracións.