Máis de 400 remeiros participarán na XIX Bandeira de Bateis

Este sábado terá lugar no porto do concello a XIX edición de Bandeira de Bateis, un evento deportivo que mobilizará a 430 remeiros pertencentes a 17 clubs achegados desde diferentes puntos da provincia de Pontevedra. Aínda así, desde a organización indícase que non se pode asegurar a realización da proba debido ás previsións meteorolóxicas, dato que se saberá con exactitude o próximo venres.
Se o tempo o permite, ás 16:00 horas do día 10 de marzo producirase o inicio da regata, que se desenvolverá en liña, en quedas lanzadas da mesma categoría cun intervalo dun minuto e con cinco minutos entre as distintas categorías. A orde de saída será a seguinte: promesa feminina, xuvenil feminina, absoluta feminina, infantil masculino, cadete masculino e xuvenil masculino.
O concelleiro de Ensino e Deporte, Xoán Carlos Chillón Iglesias, convida á veciñanza para que “participe desta gran festa deportiva e anime ás nosas tripulacións, que estarán representadas polo Club de Remo Vila de Cangas”, equipo organizador da proba no que “existe un gran protagonismo feminino. A el debémoslle agradecer todo o labor que vén desenvolvendo desde hai anos no sentido da promoción do deporte e da igualdade”.
Como premios establécense dúas bandeiras (feminina e masculina) para os conxuntos con maior puntuación. No caso de empate, serán para a formación con máis vitorias.
- Log in to post comments