Ir o contido principal

Cangas volverá ser a capital do Campionato de España de Colombicultura no ano 2018

FacebookTwitterShare
Cangas volverá ser a capital do Campionato de España de Colombicultura no ano 2018

A vila de Cangas converterase de novo na capital do campionato de España de Colombicultura 2018, tal e como se anunciou na presentación de hoxe, á que acudiron o alcalde, Xosé Manuel Pazos, o concelleiro de deportes, Xoán C. Chillón e os responsables do certame José L. Pereira Barcala e Santiago Antepazo.

Será na primeira quincena do mes de marzo cando se desenvolva este evento deportivo. Algo que non é novo, xa que Cangas tivo a sorte de acoller outra edición no ano 2007. Trátase dun campionato que mobiliza a centos de persoas e abranga sectores como o turístico, o cultural e o deportivo.

O programa de actos do certame estará estruturado a partir das experiencias anteriores noutros campionatos. Paralelamente ás xornadas de competición -visitas escolares, exposición ao público,…- desenvolveranse os actos de inauguración e clausura, así como de actividades paralelas de visitas guiadas e información dirixidas a participantes e acompañantes.

Pereira Barcala asegurou que a participación e a mobilización vai ser maior que a do ano 2007, unha época que estivo marcada pola gripe aviar. De feito, espérase chegar aos 1000 exemplares. Ademais, “hai máis razas, pasamos de 16 a 22. Dúas están en período de estandarización. Queremos estandarizar tamén un palomo de aquí, de raza galega. Para iso hai que presentar o exemplar durante tres anos consecutivos. Pola súa banda, Antepazo quixo agradecer ó Concello de Cangas a súa colaboración, así como os desexos de lograr realizar un campionato excepcional.

O alcalde aproveitou a ocasión para resaltar que este evento supón algo moi importante para a vila canguesa, xa que transmitirá moi boa imaxe. “É unha boa forma de desestacionalizar o turismo, virá moita xente que espallará o noso nome. Reuniranse familiares, xuíces, participantes, visitantes… Algo que suporá un beneficio económico e social”.

Desde o Concello queremos saudar a toda a familia da Colombicultura do Estado Español –deportistas, arbitraxe, federacións- neste ano vésperas da celebración do nomeado campionato. Cangas 2018 será de novo sede deste gran evento, que tan grande recordo deixou a todas as partes, entidades organizadoras e colaboradoras, deportistas participantes e visitantes, naquela pasada edición do 2007. Todos os nosos parabéns á Sociedade de Colombicultura Rías Baixas polo seu traballo diario e constante na aspiración de presentar esta candidatura, por ser digno merecedor desta nova organización. Por outro lado, o noso agradecemento á Federación Española de Colombicultura por depositar, en renovada confianza, que poidamos volver a ser capital do Estado desta modalidade deportiva, así como de ser punto de acollida da embaixada dos distintos lugares da xeografía peninsular.

Agardamos a colaboración das distintas administracións, entidades e organismos, a fin de promocionar e poñer en valor esta modalidade deportiva como de proxectar o noso concello cara o exterior. Convén anunciar que nesta segunda quincena de agosto 2017 contaremos coa presencia do Delegado Nacional de Raza da Federación Española de Colombicultura, que visitará a vila, as instalacións e coñecerá detalles da organización.