Ir o contido principal

Volve o Proxecto Orquestral ao Auditorio Municipal de Cangas

FacebookTwitterShare
Volve o Proxecto Orquestral ao Auditorio Municipal de Cangas

O proxecto, que se puxo en marcha no ano 2009 e vai xa pola súa sétima edición, volverá a actuar no Auditorio Municipal de Cangas, cun repertorio máis esixente e de maior nivel. A cita será este venres 2 de xuño, ás 21:00 horas, con entrada de balde ata completar o aforo.

Un ano máis este proxecto pon en valor o traballo e sobresforzo do profesorado, alumnado e ex-alumnado do Conservatorio Profesional e da Escola de Música de Cangas.

Nesta edición dúas serán as novidades. Por un lado, a estrea absoluta durante a primeira parte da obra HOPE de Jorge Vidal, membro desta orquestra, o que supón un nivel altísimo de implicación e unha aposta segura nunha obra que “xera unha certa esperanza nun punto de partida sen esperanza”.

Por outra banda, unha segunda parte que se desmarca completamente do traballo que veñen realizando durante os últimos anos. A Suite Prokofiev de Sergei Prokofiev e o II Movemento da Sinfonía en Mim de Tchaikovsky, “unha obra que fai dous anos sería inviable pola súa complexidade e que permitiu elevar considerablemente o nivel. Ademais, o colofón final será a interpretación de dúas pezas para coro e orquestra.

Un total de 140 compoñentes, entre membros da orquestra, membros do coro e profesorado, subirán ao escenario para presentar un repertorio moi variado, que irá in crescendo en dificultade desde a primeira parte ata a segunda.

Interpretaranse, na primeira parte Olympic Fanfare and Theme de John Williams, Cinema Paradiso (Love Theme) de Andrea Morricone, Hope de Jorge Vidal, Deborah’s Theme de Ennio Morricone e Un Nadal de Fantasía de Alberto G. Avilés. Na segunda parte, o colofón final virá da man de Suite Prokofiev de Sergei Prokofiev, o II Movemento da Sinfonía en Mim de Tchaikovsky e as obras con coro e orquestra Sunrise Sunset de Jerry Bock e III Movemento da Suite O Príncipe de Exipto de S. Schwartz-h Zimmer.

A dirección do Conservatorio agradece o esforzo de todos e todas, profesorado e alumnado, e fai un agradecemento especial aos profesores de orquestra e coro polo traballo conxunto. Será a primeira vez que o Auditorio de Cangas acolla un proxecto desta envergadura e que mobiliza a tanta xente. As ganas de innovar no aspecto creativo quedarán plasmadas nun concerto que mostrará o traballo de todo o curso. 

Desde o Concello, o seu Alcalde, D. Xosé M. Pazos, destaca "o traballo íntegro que se está a realizar e que mobiliza a tanta xente, quedando o esforzo plasmado neste proxecto. É unha das cousas que distingue o noso Conservatorio e a nosa Escola de Música, coa profesionalidade e rigor que obedece ao traballo de todo un curso".