Ir o contido principal

Presentación da XXXVII Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas (MITCFC)

FacebookTwitterShare
CARTAZ

A Mostra reinvéntase e ofrece 9 días de teatro cun 80% de obras de compañías galegas

A XXXVII MITCFC levarase a cabo na ‘nova normalidade’ e a ocupación será do 50% de aforo por espectáculo

Cangas 9/6/20- A XXXVII Mostra arrancará o vindeiro 9 de xullo e encherá de teatro, ilusión e risotadas a vila de Cangas ata o día 18. Serán nove xornadas onde, de maneira excepcional, o teatro feito en Galicia terá un maior protagonismo do habitual por mor das condicións extraordinarias do estado de alarma pola Covid-19. Aproximadamente o 80% dos espectáculos que se verán nesta MITCFC son de compañías galegas, “para favocecer o noso produto interior bruto cultural”, sinalou María Armesto, directora artística da Mostra. Sen embargo, na edición deste ano tamén haberá oco para ver espectáculos doutras comunidades españolas e internacionais.

A pesar dos recortes e cambios que houbo que facer na programación, a Mostra segue a ser un referente no tocante á igualdade. “Esta crise fíxonos cambiar o rumbo, pero non imos deixar de ser unha mostra paritaria”, engade María Armesto.

O alcade de Cangas, Xosé Manuel Pazos, quiso agradecer á organización da Mostra “que fose quen de afrontar este reto. Seguramente o máis fácil, era dicir que non se facía”. Pazos agradeceu que tomasen a determinación de “reinventarse dándolle un sesgo fundamental como é dar apoio ao teatro galego”. “Non imos ver os espazos cheos, pero si coa xente suficiente como para que compense o gran esforzo feito”, afirmou o alcalde.

Para Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC), estar na presentación da programación desta XXXVII Mostra “supón unha gran emoción e ilusión porque é a primeira presentaiión física á que acudo despois do confinamento”. Sutil destacou que este é un gran momento para poñer en valor “todo o que se fai en Galicia”. 

A deputada pontevedresa de Cultura, María Victoria Alonso, lembra que a cultura “foi a que nos fixo máis levadeiro o confinamento”. Agradece o “compromiso da Mostra pola igualdade e que esta non perdera a súa esencia”. A deputada engade que “é loable que o festival queira saír á rúa e facer que o público se mesture cos espazos públicos. É un xeito perfecto de disfrutar conxuntamente da cultura e do patrimonio”.

 

PROGRAMA

A MITCFC comezará co pregón inaugural de Paula Carballeira, actriz, escritora, intérprete e realizadora de contacontos. A continuación, o público poderá ver a obra ‘Commedia’, da compañía galega Contraproducións. Este espectáculo, dirixido e escrito polo dramaturgo Cándido Pazó, estreábase en Galicia no ano 1993, converténdose nun dos fitos do teatro galego, realizando funcións en xira por toda España, Portugal e Francia. Hoxe, 25 anos despois, repetindo no posible o mesmo equipo creativo, Contraproducións repite aquela experiencia en Cangas.

O venres 10 interpretarase no Auditorio Municipal a obra ‘Napoleao ou o complexo de Èpico’, unha coprodución da Mostra de Teatro Cómico e Festivo de Cangas e da portuguesa Compañía do Chapitó. Ese mesmo día, dentro da programación de rúa, estrearase en Galicia a obra ‘Dolce e Salato’, da compañia italiana Carpa Diem. Un proxecto que amosa o amor polo circo dos creadores.

Na xornada do sábado 11 de xullo, o público poderá ver a estrea en Galicia do espectáculo de rúa ‘Tónbola’, da compañía euskara Hika Teatroa. Trátase dunha obra de marcado carácter social que conta as peripecias dunha familia de ‘tomboleiros’ e a súa cabra para sobrevivir en Europa.

A compañía galego-brasileira Asacocirco interpretará o mesmo sábado na parroquia canguesa do Hío "Circo de lume" é un espectáculo de pura acción. Consta de emocionantes números, que misturan técnicas de danza con malabarismos, manipulación, pirofaxia, humor e trato directo co público. Un espectáculo de efectos visuais impresionantes.

A compañía cántabro-italiana Punto y Coma interpretará o domingo nas rúas de Cangas o espectáculo ‘El Cruce’, unha fusión de circo contemporáneo, teatro físico e música. O público poderá ver este espectáculo por primeira vez en Galicia.

A semana do 13 de xullo arrancará coa estrea absoluta do espectáculo ‘Hell Brothers’, unha coprodución da compañía galega Cirkompacto coa Mostra de Teatro de Cangas. Trátase dunha obra para público xuvenil que conta a historia de Rejhuz e Glakghs Setén, fillos de Satanás. Seu pai decide botalos do inferno para que aprendan a gañar o mal por si mesmos. Este mesmo espectáculo tamén se poderá ver o martes.

Tamén o luns 13, no Auditorio de Cangas, a compañía galega DeUve interpretará o seu primeiro espectáculo ‘Guerra de Identidade’, unha historia de amor entre o dramático e o cómico.

O martes 14 de xullo, a compañía galega Cinema Sticado presenta a estrea absoluta da obra ‘Pyka’, a historia e remake dunha película. O punto de partida é un relato familiar de Helena Varela que sitúa a súa avoa Gelines como única testemuña dunha película perdida do director de cine Einseistein.

A actividade da XXXVII edición da Mostra para o mércores 15 de xullo tamén está ateigada de eventos. Ás 10.30 horas, terá lugar o III Encontro Teatro e Educación no salón de plenos do Concello de Cangas. Nesta ocasión, a xornada levará por título ‘O Teatro como ferramenta pedagóxica na educación Infantil e Primaria’.

Tamén no Concello, ás 16.30 horas, terá lugar o encontro ‘A nova realidade’, para falar do papel do teatro, da súa evolución, das crises, e do seu futuro.

Xa dentro do teatro de rúa, a compañía galega Xampatito Pato representará ‘Só’ , unha obra de circo para público familiar. Pola noite, no Auditorio, a obra ‘Liberto’, da compañía galega Rebordelos, onde dúas actrices, acompañadas de música en directo, interpelan directamente ao público reivindicando o imperfecto, o humano e axudándonos a comprender que a propia morte é parte da vida. 

Dúas donas que bailan’ é o título do espectáculo que será interpretado o xoves 16 de xuño no Auditorio de Cangas. A compañía galega Teatro do Atlántico leva aos escenario a relación case accidental entre dúas mulleres de idades distintas, madurez e vellez.

O venres 17, a Sala de Exposicións do Auditorio acollerá a representación da estrea absoluta ‘As boas actrices’, coproducida pola compañía galega ‘3’ e a MITCFC. "As Boas Actrices" é unha experiencia dramatúrxica ao límite entre a lectura, a improvisación e a interpretación.  As intérpretes non saben se son meros instrumentos ao servizo do discurso da autora ou se están sendo vítimas dunha “improvisación sincronizada". A obra repetirase o sábado 18 no mesmo lugar.

Tamén o venres, o Auditorio acollerá a presentación da obra ‘The Primitals’, da compañía madrileña Yllana & Primital Brothers, unha das compañías españolas con maior traxectoria no ámbito do teatro de humor xestual. A obra narra a historia de catro aboríxes dun planeta que podería ser o noso, reclaman o escenario dispostos a seducirnos, a gargalladas ou machetazos, coa música dos mil xéneros que absorberon nas súas viaxes polos confins do espazo tempo.

As virxes salvaxes’, da compañía galega Teatro do Noroeste, pechará a Mostra no Auditorio de Cangas. A obra é unha comedia sobre a absurda pero necesaria situación de recluír aos nosos maiores en institucións que os atendan e coiden.

De algún xeito, este espectáculo é unha homenaxe, se cadra un algo irreverente, aos nosos maiores máis revoltosos.

 

ACTIVIDADES PARALELAS

Casilda Alfaro, responsable das actividades paralelas dentro da Mostra de Teatro, explica que este tipo de eventos vanse manter nesta edición, pero considerablemente reducidos. Celebrarase a xornada de Mulleres en Acción e o Torneo de Dramaturxia. Sen embargo, non haberá actuacións que se encadraban dentro do tradicional Revoltallo en Pedra nin a estrea da obra que sempre organizada a Escola Municipal de Teatro de Cangas.

 

 MULLERES EN ACCIÓN

A programación de Mulleres en Acción, que este ano chega á súa 17 edición, concentrarase na xornada do sábado 11 de xullo. O salón de plenos don Concello de Cangas acollerá o III Encontro baixo o título ‘A brecha laboral. Mulleres das artes escénicas e audiovisuais antes e despois da pandemia’. Esta mesa de traballo centrarase en estudar medidas que axuden a cambiar a inxusta realidade que viven as profesionais do sector, agravada seriamente pola pandemia da Covid-19.

Xa durante a tarde, presentarase ‘Irmandiñas’ (Edicións Laiovento), de Aurora Marco, un libro que recopila catro anos de traballo que a escritora adicou a buscar o rastro de ducias de mulleres que desenvolveron actividades relevantes vinculadas ás Irmandades da Fala e que foron silenciadas.

Posteriormente, presentarase o libro de Iria Vázquez Silva e Lola Ferreiro ‘Cómplices. A violencia machista institucional’ (Editorial Galaxia). A través deste libro podemos aproximarnos ao labirinto polo que pasan as mulleres en situación de violencia, analizando as forzas de seguridade, o eido xudicial, os servizos sociais ou o eido sanitario.

 

O premio Mulleres en Acción 2020 é para Mercedes Oliveira Malvar (Chis), unha das principais referencias no campo da educación sexual con perspectiva de xénero. A Mostra outórgalle este premio “en recoñecemento ao seu extraordinario e pioneiro labor pedagóxico desenvolvido con adolescentes no eido da educación sexual e desde a perspectiva de xénero. Polo seu compromiso e discurso para axudar a “desaprender” a mala educación sexual recibida desde o berce. Un labor, ao noso entender, imprescindible que serve de guía e proporciona ferramentas pedagóxicas para, na adolescencia, poder rachar cunha educación afectivo sexual, patriarcal e casposa, que lles impide crecer como persoas libres do amor romántico e dunha imaxe hiper sexualizada e esteriotipada de si mesmas/os”.

 

TORNEO DE DRAMATURXIA

O IV Torneo de Dramaturxia de Galicia consolídase como unha aposta firme da MITCFC para dar a coñecer a nosa dramaturxia, creando un nexo directo entre  autoras/es e público. Este proxecto, pioneiro en Galicia, conta coa imprescindible colaboración de DramaturGA, a primeira asociación profesional da dramaturxia galega.

O Torneo deste ano celebrarase o martes 14 de xullo. Como en edicións anteriores, unha mestra de cerimonias única presentará un furioso combate no que catro recoñecidas dramaturgas e dramaturgos de Galicia bateranse na procura do voto do público. As únicas armas das que dispoñen son os retruques da palabra, ideas, ritmos, conflitos, sorpresas, accións, silencios.

O público asistirá a catro lecturas dramatizadas, interpretadas por actrices e actores profesionais de recoñecido prestixio, e será o propio público quen vote os textos que máis lles teñan gustado para que, de entre as catro pezas participantes, resulte unha soa a gañadora. Un espectáculo teatral, divertido e único que se verá avivado pola participación activa do público.

Nesta cuarta edición, a mestra de cerimonios será Esther F. Carrodeguas,. Os dramaturgos son Marta Pérez, Fernando Castro Paredes, Roberto Salgueiro González e María Lado.

 

MERCAR AS ENTRADAS POR INTERNET

O director do Auditorio Juan José Pérez, explicou que a situación de pandemia trastocou completamente a dinámica habitual de venda de entradas. Por unha banda, non haberá abonos para asistir a todos os espectáculos da Mostra para que, deste xeito, estean todas as butacas dispoñibles. Nun principio, e sempre dependendo das decisións dos organismos competentes, a Mostra levarase a cabo na ‘nova normalidade’ e a ocupación permitida será do 50%. A venda das entradas estará dispoñible a partir do 24 de xuño.

Precisamente, pola situación excepcional e para ofrecer as máximas garantías de seguridade, a organización da MITCFC recomenda que a compra das entradas se realice a través de internet. “Pedimos un esforzo ao público para que colabore. A ser posible, que ninguén compre entradas na billeteira. Evitemos o papel e as colas”, apunta o director do Auditorio. Juan José Pérez lembra que mercar as entradas a través da web non supón para o afeccionado ao teatro ningún custe a maiores. “Eses gastos, como xa ocorre desde hai anos, corren a conta da organización da Mostra”.

Nesta XXXVII edición, os tradicionais espectáculos de rúa, ao teren que realizarse en espazos acotados e con reserva, van deixar de ser de balde e pasarán a ter un prezo simbólico de 1€. Deste xeito, terás unha butaca preasignada para ver as obras nos distintos emprazamentos ao aire libre.

 

LIMPEZA EXHAUSTIVA

Durante a celebración da Mostra, o servizo de limpeza habitual vaise duplicar. Unha empresa especializada vaise dedicar a hixienizar todas as butacas que se ocupen con produtos específicos despois de cada actuación. Ademais, antes, durante e despois de cada espectáculo no Auditorio, haberá persoal nas entradas dos baños para controlar que nunca haxa máis de tres persoas dentro e mantelos debidamente desinfectados. As compañías que cheguen para actuar no Auditorio atoparán os camerinos pechados, sellados e perfectamente desinfectados para evitar calquera tipo de contaxio.   

Por suposto, a organización da Mostra vai esixir a todo o público que asista aos espectáculos con máscara protectora.