Ir o contido principal

O musical ‘Keltia’ chega a Cangas o vindeiro luns

FacebookTwitterShare
O musical ‘Keltia’ chega a Cangas o vindeiro luns

O Concello de Cangas acolleu hoxe a presentación do musical ‘Keltia’, que terá lugar o vindeiro luns 28 de agosto na Avenida de Castelao ás 22:00 horas. Trátase dun acto significativo, designado polo alcalde, Xosé Manuel Pazos, como “un dos espectáculos máis importantes que se acollerá durante a programación das Festas do Cristo. A proposta é espectacular, é singular, inclúe un grande esforzo artístico. Haberá actores e actrices, bailaríns, música en directo…”.

Pazos mostrouse moi satisfeito e orgulloso porque a “comisión de festas apostara por el, hai un ano que intento traer este musical á nosa vila. É unha honra que xa estean aquí”.

Este show conta con tres anos de rodaxe, pero esta será a súa primeira vez en Cangas. Nel cóntanse as lendas e a historia de Galicia, e incluirá tamén algunhas alusións ao noso concello: María Soliña e o Monte do Facho, a primeira morada de Breogán. “Queremos exaltar diversas cousas de Cangas, as súas personaxes históricas, a súa gastronomía, os seus lugares… En si, Keltia conta a nosa historia, a historia dos galegos. É un pracer estar aquí”.

En total, o musical está composto por 40 artistas e terá unha duración de 90 minutos en escena, tempo que se incrementará grazas a algunha sorpresa que terá lugar polas rúas do municipio. 

Para levalo a cabo e asegurar que todo saia ben realízase un control exhaustivo sobre aspectos como o vestiario ou a escenografía. “Que entre polos ollos e polas orellas”.