Ir o contido principal

O Concello e Ciudad Ciencia achegaron o coñecemento do universo aos centros educativos de Cangas

FacebookTwitterShare
O Concello e Ciudad Ciencia achegaron o coñecemento do universo aos centros educativos de Cangas

O pasado venres 9 de xuño, máís de medio millar de alumnos/as dos centros educativos de Cangas participaron na actividade de Ciudad Ciencia que, promovida desde as Concellarías de Ensino e Deporte e de Desenvolvemento económico e Emprego local do Concello de Cangas, desenvolveuse no Auditorio municipal a cargo de dous científicos do CSIC, Emilio José García Gómez-Caro e Óscar Huertas Rosales, co título “Pero, ¿por qué é tan difícil ser un extraterrestre?”.

Na súa conferencia, desenvolvida en dúas sesión para adaptala mellor á idade dos participantes, unha ás 10:30 horas e outra ás 12:00 horas, os poñentes fixeron reflexionar aos asistentes acerca da posibilidade real e, a vez, a enorme complexidade que pode supoñer o poder atopar vida fora do noso planeta. Nun ton didáctico, ameno, participativo e, á vez, rigoroso cos coñecementos científicos que temos acerca do Universo, os dous científicos fixeron gala do seu dobre perfil de científicos e investigadores e. ao mesmo tempo, de divulgadores consumados nos seus respectivos campos científicos, o primeiro deles en Astrofísica e o segundo en Bioquímica.

Compre lembrar que Ciudad Ciencia é unha iniciativa de divulgación científica de ámbito estatal que promove e organiza o Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC) e a Fundación “La Caixa”, sendo Cangas o único concello de Galicia que foi proposto para participar, xa desde o ano 2013, neste proxecto que procura o achegamento da ciencia e dos/as científicos/as á cidadanía.

 Tamén no marco de Ciudad Ciencia, o pasado mes de maio o Concello desenvolveu outra actividade dun ámbito científico diferente, neste caso dirixida ao público en xeral, co título “Métodos alternativos sustentables e respectuosos co medio ambiente para o control de pragas e enfermidades dos cultivos”.

Para ampliar información sobre as actividades que se organicen no marco da iniciativa Ciudad Ciencia, poden escribir ao correo casadeoficios@cangas.gal e/ou chamar ao teléfono da Casa de Oficios do Concello 986304650.