Ir o contido principal

Ciclo de Teatro Afeccionado do Morrazo (Citeamor)

FacebookTwitterShare
Citeamor

O vindeiro martes 4 de abril comeza o Ciclo de Teatro Afeccionado do Morrazo CITEAMOR.

O pregón será a cargo de Xosé Vázquez Pintor, un dos pioneiros do teatro amador en Cangas.

O CITEAMOR é un ciclo humilde cun obxectivo comarcal e integrador, pois participan 7 grupos de adultos, 5 adolescentes e DOA Saúde Mental.

Participan 13 grupos de teatro, 11 do Morrazo, abarcando os pobos de Moaña, Bueu, Marín e Cangas. Dous convidados abrirán e pecharán o ciclo, ambos con integrantes da comarca: Eu.Experimento, grupo que nace no Instituto Camões de Vigo, e Avelaíña Teatro.

Coa participación do Instituto Camões queremos achegarnos ao portugués, lingua irmá que forma parte da nosa memoria e raíces e así manter un contacto en próximas edicións con outras agrupacións portuguesas para favorecer o intercambio cultural.

Se o ano pasado houbo 104 actores e actrices que participaron no ciclo, nesta edición vai ser maior. Destacamos, polo tanto o gran número de persoas que elixen o teatro como actividade cultural e a necesidade de expresarse a través do teatro.

Autores galegos: Será unha programación variada con adaptacións de autores galegos como Roberto Vidal Bolaño, Francisco Taxes e por fin escoitaremos en galego a Valle-Inclán.

Variedade temática: a memoria histórica, a adolescencia, a muller, o suicidio, a corrupción, clásicos. Tratados desde os xéneros cómico, drama, traxicómico.

Como novidade, nesta edición ofertamos dous cursos de formación para favorecer a relación de todos os colectivos participantes e así achegarse a distintas técnicas. Un de hip-hop para os máis mozos, impartido por Abraham Gil e outro de interpretación “Atención física e tensión do personaxe”, impartido por Vanesa Sotelo, ambos de oito horas de duración.

Todos os martes. Inicio 4 abril. Remate 6 de xuño.

Organiza: Asociación Cultural A CEPA e Asociación Cultural Entre Bambalinas. Coordinador, Xoán C. Riobó.

Colabora: Concello de Cangas, Concellería de Cultura de Cangas, Deputación de Pontevedra Pontegal e Gráficas DC.