Canjazz

O CANJAZZ APOSTA POR CREAR CANTEIRA NO SEU 40 ANIVERSARIO
O festival contará con Francisco Blanco "Latino", un dos referentes na formación de novos talentos do jazz
Dous obradoiros especializados iniciarán no jazz a alumnado de todas as idades e haberá un concerto de final de curso
O Festival Internacional de Jazz de Cangas, que terá lugar do 18 ao 21 de agosto, acada os 40 anos de historia e faino apostando pola formación das novas xeracións. Para iso o Canjazz trae á vila do Morrazo a Francisco Blanco "Latino", un referente no ensino do jazz e un traballador incansable en prol da cultura e da educación.
"Latino", que impartirá un obradoiro de introducción ao jazz e a música improvisada para nenas e nenos en horario de mañá, é un dos maiores especialistas neste ámbito e o seu nome aparece ligado ao de moitos dos novos talentos emerxentes do jazz da actualidade, formados na súa escola de Valencia, Sedajazz, ou ben nalgún dos proxectos musicais que dirixe ao longo de todo o estado.
Así mesmo, polas tardes, o músico valenciano ofrecerá un segundo obradoiro, este dirixido a persoas novas e adultas, amateur ou profesionais, que queiran mergullarse no mundo da improvisación e coñecer os fundamentos do jazz. Durante as clases afondarase, sempre dende unha perspectiva práctica, en conceptos como escalas, harmonía ou técnicas de improvisación.
Os cursos desenvolveranse os días 19, 20 e 21 no Auditorio Municipal de Cangas e o último día, o alumnado ofrecerá un recital aberto ao público co repertorio preparado durante as sesións de traballo.
As clases das mañás serán en horario de 10h a 13h e as das tardes das 16h ás 19h. O prezo da matrículas é de 30€ por estudante e para inscribirse é necesario enviar un correo a jazzcangas@gmail.com, indicando nome completo, DNI, data de nacemento e obradoiro ao que se desexa asistir.
Cangas, 31 de xullo de 2019
Asociación de Jazz de Cangas
- Log in to post comments