Ir o contido principal
O luns día 25, fixo o alumnado do obradoiro de emprego, á base de O Campiño en Pontevedra, e tamén á sede do XIX Distrito contra incendios situada na parroquia de Salcedo en Pontevedra

Visita do obradoiro á base extinción incendios

FacebookTwitterShare
Visita do obradoiro á base extinción incendios

O grupo de alumnos-traballadores da  especialidade de “ Operacións de Vixilancia e Extinción de Incendios” do Obradoiro dual de Emprego “Granxa dá Rúa VIII”, realizaron este luns pasado unha visita formativa ás instalacións da Base da Brigada Forestal Helitransportada de O Campiño, en Pontevedra,  onde  foron recibidos polo  Xefe de extinción da base, así como polo  persoal da  mesma. O alumnado tivo a oportunidade de coñecer a actividade da base, interactuar co seu persoal e recibir información da necesidade do mantemento dos montes e das medidas preventivas para evitar os lumes.

O xefe de extinción da base explicoulles as características dos recursos e materiais que empregan nos seus protocolos de actuación, ensinando os simulacros de embarque e desembarque e as manobras de despregamento das bolsas de  auga dende os helicópteros. Así  mesmo  puideron ver un vídeo do traballo do persoal en acción abordando unha situación real de incendio forestal, e a función dos helicópteros.

A continuación  visitaron tamén a Sede do XIX Distrito contra incendios situada na parroquia de Salcedo en Pontevedra, onde puideron coñecer ao persoal encargado dos diversos servizos así como aos axentes forestais da base. Foron recibidos polo xefe do Distrito Forestal XIX, Pedro López, e polo axente forestal, Antonio Bembibre, que xunto co resto de persoal que traballa nas instalacións, mostráronlles a sala de control informatizada para o control dos lumes dende onde se coordinan os traballos de extinción cos demais distritos e coas sedes provincial e autonómica.

O alumnado acompañado polo docente D. Juan José Rodríguez, o titor do Obradoiro, Enrique Otero, e a Directora do Obradoiro, Teresa García, puideron realizar todo tipo de preguntas  e  coñecer de primeira man a última tecnoloxía aplicada á vixilancia e extinción de incendios  forestais.

Rematou a visita ás instalacións do Distrito en Salcedo, co compromiso por parte dos responsables de contar co alumnado-traballador do Concello de Cangas, para acudir e colaborar con eles ante calquera emerxencia, así como para realizar labores de vixilancia e prevención que dende o Distrito Forestal poidan requirir. Esta colaboración permitiría complementar moito o desenvolvemento dos contidos prácticos da especialidade de “Operacións de Vixilancia e Extinción de Incendios” do Obradoiro que se está a impartir.

Destacar que este certificado de  profesionalidade posto en marcha polo Concello de Cangas, é pioneiro na súa solicitude, pois é o único certificado sobre “Vixilancia e Extinción de Incendios” que se imparte en toda Galicia. Para a posta en marcha do Obradoiro Dual de Emprego Granxa da Rúa VIII, o Concello de Cangas recibe unha subvención de preto de 290.000€ para formar a 20 persoas desempregadas no ámbito forestal, actividades auxiliares de conservación e mellora de montes, repoboacións forestais, e operacións de vixilancia e extinción de incendios e apoio a continxencias no medio natural e rural.

Cangas, 27 de marzo de 2019

Concellería de Desenvolvemento Económico e Emprego Local