Ir o contido principal

Visita aos traballos do Obradoiro de Emprego Forestal Granxa da Rúa VIII

FacebookTwitterShare
Visita aos traballos do Obradoiro de Emprego Forestal Granxa da Rúa VIII

O pasado venres o delegado da Xunta de Galicia, Ignacio López Chaves, e o Xefe Territorial da Concellería de Economía, Emprego e Industria, Ignacio Rial, desprazáronse ata Cangas para comprobar “in situ” os traballos que están a desenvolver os participantes do Obradoiro de Emprego Granxa da Rúa VIII.

Ás 11 da mañá os recibiu no Concello de Cangas o alcalde, Xosé Manuel Pazos, a concelleira de Emprego, Ánxela Vizoso, e a concelleira popular Dolores Hermelo, ademais do persoal técnico implicado no proxecto, o director de Desenvolvemento Local, Fabián Fernández, e o titor do Obradoiro, Enrique Otero.

Desde alí desprazáronse ata os terreos forestais da Comunidade de Montes de Coiro onde nestes días está a traballar o alumnado do Obradoiro. Alí os esperaba o secretario da Comunidade de Montes, Manuel Soage, e o alumnado- traballador e expertos docentes do Obradoiro de Emprego, que lles amosaron as tarefas de clareo e repoboación forestal con especies autóctonas que están a realizar como parte da súa formación.

Compre lembrar que a novidade deste Obradoiro Dual de Emprego, denominado Granxa da Rúa VIII, radica en que as especialidades que o compoñen son todas do ámbito Forestal, impartíndose concretamente os certificados de profesionalidade de “Actividades auxiliares en conservación e mellora de montes” e “Repoboacións forestais e tratamentos silvícolas”, nos que participan 10 alumnos/as traballadores/as, e “Operacións de vixilancia e extinción de incendios forestais e apoio a continxencias no medio natural e rural”, no que participan tamén 10 alumnos/as traballadores/as.

Para a súa realización, o Concello de Cangas recibiu unha subvención da Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia, por un importe total de 299.307 euros. Para conseguir esta financiación da Xunta de Galicia o Concello presentou un proxecto, elaborado no centro municipal da Casa de Oficios, realizado en estreita coordinación coas Comunidades de Montes de Coiro, Darbo e O Hío, que son as titulares dos terreos forestais onde o alumnado esta a desenvolver os traballos e a súa formación práctica.

A Concelleira de Emprego de Cangas, Ánxela Vizoso, destacou o feito de que estes proxectos mixtos de formación e emprego fan posible que se poda contratar a persoas en situación de desemprego que, ao mesmo tempo que perciben un salario polo seu traballo, reciben tamén unha formación acreditable que lles permite obter uns certificados de profesionalidade con plena validez no mercado laboral.