Valoración moi positiva sobre a colaboración entre Policía Local e Garda Civil de Cangas
Na Xunta Local de Seguridade celebrada no día de onte no Concello de Cangas destacouse a colaboración entre a Garda Civil e a Policía Local que se ven dando durante todos estes anos e que se está a manter, redundando en beneficio da cidadanía: “canta máis coordinación haxa entre as forzas e corpos de seguridade a veciñanza percíbeo como algo positivo”. Outro dos puntos do día era o convenio con tráfico, que se vai a seguir mantendo.
Tamén se falou do tema da movida na Avenida de Marín. No que corresponde a Subdelegación de Goberno acordouse “intensificar a coordinación entre a Garda Civil e a Policía Local para patrullar en determinadas horas conxuntamente. Como prevención resulta moito máis eficaz dobrar o número de gardas a determinadas horas como o peche dos locais”. Por parte da Garda Civil a colaboración “existiu, existe e existirá”, e durante a tempada de verán os medios na zona aumentarán en dous efectivos.
A reunión serviu para revisar coa subdelegada o convenio con tráfico, polo cal o Concello se ocupa dos accesos ás praias, e que está a funcionar satisfactoriamente, acordando mantelo.
Un dos puntos que maior interese suscitaba foi aprobar a incorporación de efectivos da Policía Local ao programa de Violencia de Xénero. “Estamos pendentes de que dous policías pasen a oficiais, e paralelamente asinaremos o convenio para destinar dúas ou tres persoas a este programa de auxilio. Traballaremos conxuntamente coa Garda Civil en función da gravidade e complexidade do caso”.
- Log in to post comments



